Ponte Xogos aterra en Pontevedra cun tren de Nadal e obradoiros creativos nas parroquias

123
  • O programa impulsado pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, inclúe roteiros fotográficos e a apertura da oficina postal de Papá Noel e os Reis Magos na Praza do Teucro
  • As actividades, retransmitidas por Ponte Xogos TV, desenvolveranse entre o 18 de decembro e o 5 de xaneiro. Instalaranse unha carpa informativa e un photocall na Praza de España

Un tren de Nadal, obradoiros creativos de decoración en diferentes parroquias e unha canle específica de televisión (Ponte Xogos TV) son algunhas das principais novidades do programa municipal Ponte Xogos 2020-2021, impulsado pola Concellería de Promoción Económica a través da plataforma #PonteLovers. A iniciativa, presentada esta mañá pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, desenvolverase entre os días 18 de decembro e 5 de xaneiro e inclúe a instalación dunha carpa informativa e un photocall na Praza de España, a celebración de roteiros fotográficos coa implicación do comercio local e a apertura da oficina postal de Papá Noel e os Reis Magos na Praza do Teucro, onde estarán agardando os seus axudantes e algunha outra sorpresa.

A edil socialista, que estivo acompañada polos coordinadores do programa, Leticia García e David Álvarez, asegurou que “a dispersión das actividades e decorados por diferentes zonas da cidade e parroquias” é unha das claves da campaña de Nadal deste ano, “e por suposto tamén de Ponte Xogos, o que garante que, cun pouco de sentidiño, non existan aglomeracións de xente e se poida desfrutar de todas elas en condicións de seguridade”. Segundo indicou, Ponte Xogos estará en San Andrés de Xeve cun taller da bola de cristal de Nadal o sábado 19 de decembro, en Cerponzóns o sábado 26 de decembro cun de bonecos de neve e en Ponte Sampaio o sábado 2 de xaneiro cun de creación de marionetas (en horario de 16:00 a 19:00 horas). “Esta oferta de fin de semana -avanzou- podería ampliarse a outras parroquias”.

A carpa informativa sobre as actividades infantís do programa e o photocall de Ponte Xogos estarán abertos tódolos días na Praza de España (con excepción do 25 de decembro e o 1 de xaneiro) de 12:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 19:30 horas, o mesmo horario que terá a oficina postal que atenderán na Praza do Teucro os axudantes de Papá Noel e os Reis Magos para asegurarse de que tódalas cartas cheguen ao seu destino. Tal e como sinalou Yoya Blanco, o tren turístico que percorrerá a cidade este Nadal terá saída dende a Praza de España, tamén en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 19:30 horas, e poderá empregarse de balde “presentando na carpa informativa un tícket de compra realizada no comercio local  para trocalo polo correspondente billete”.

David Álvarez destacou que “Ponte Xogos chegará este Nadal aos fogares en formato virtual, a través dos episodios diarios de Ponte Xogos TV, un programa de entretemento infantil que os máis pequenos poderán seguir dende as súas casas e que incluirá obradoiros de cociña, ciencia, manualidades, espectáculos de maxia e moitas outras sorpresas”. Pola súa banda, Leticia García precisou que a sección Pontepedia da canle de televisión do programa sairá á rúa con dous roteiros que terán a Praza de España como punto de partida, no que está implicado o comercio local e no que “os rapaces poderán participar co seu teléfono móbil ou cámara de fotos nun reto fotográfico, percorrendo diferentes puntos da cidade mediante pistas e vídeos que se poderán visualizar a través dun enlace con código QR, e que terá como agasallo unha mochila do programa”.

Nadal sobre Rodas, pendente das restricións 

A concelleira de Promoción Económica aclarou que Ponte Xogos contempla ademais na súa programación a actividade Nadal sobre Rodas (un circuíto vial para coñecer os diferentes sinais de tráfico con bicicleta, patinete ou patíns), “que só se celebrará sempre e cando o permitan as restricións derivadas da situación sanitaria”. “Do mesmo xeito, está previsto o obradoiro Xunqueiraventura, un taller fotográfico que tamén dependerá das medidas sanitarias impostas e que na os nenos deberán coller a súa bicicleta e descifrar as pistas que lles leven a completar todo o roteiro”, matizou Yoya Blanco.

Leticia García afirmou que a información sobre tódalas actividades que se van levar a cabo estarán dispoñibles nas redes sociais de Ponte Xogos e que “nos vindeiros días iranse revelando algunhas sorpresas en torno ás mesmas”, mentres que David Álvarez apuntou que Ponte Nadal TV “está plantexada de xeito que os nenos e nenas que normalmente estarían na carpa, como noutros anos anteriores, poidan desfrutar desas mesmas actividades dende a casa, coa seguridade dos seus pais, evitando posibles aglomeracións de xente e cun formato dixital cunha cantidade incrible de contido”. “As actividades de exterior vanse facer en grupos pequenos e con tódalas medidas de seguridade, apelando tamén ao sentido común da cidadanía”, asegurou Álvarez.