O Concello traballa nas novas liñas de axudas Supera21

95

Está prevista unha convocatoria para a compra de material informático para escolares dende o último ciclo de Primaria até Bacharelato e FP cunha partida global de 400.000 euros.

Tamén se traballa coas asociacións de comerciantes afectados pola Covid para perfilar a nova liña de Supera21.

O Concello de Pontevedra a través da Portavocía do Goberno que xestiona Anabel Gulías está a perfilar as novas liñas de axudas municipais pola Covid Supera21. A primeira será unha partida de 400.000 euros destinada ao financiamento de equipos informáticos para escolares; a segunda está pensada para os colectivos de comerciantes afectados pola Covid.

A portavoz do Goberno explicou que, con carácter xeral, o Goberno prepara un plan de acción económica co obxectivo de reactivar a economía da cidade e que se centrará en tres eidos:

  • Un gran plan de investimento público a cargo dos novos orzamentos que pretenden maximizar a acción pública.
  • A atención ás persoas a través do reforzo do departamento de Benestar Social
  • E a segunda convocatoria das Axudas Supera.

A portavoz do Goberno explicou que está previsto unha convocatoria especial de axudas “para as persoas que neste confinamento se viron obrigados a cambiar hábitos… como os adolescentes ou as crianzas”. Esta convocatoria vai dirixida a compra de equipamentos informáticos para o estudantado pontevedrés: último ciclo de primaria, secundaria, bacharelato e FP.

A contía será de 400.000 euros (o sobrante de Supera20) e os requisitos: a presentación de factura e estar empadroados en Pontevedra. Ademais, fixarase un tope de ingresos para poder acceder á esta liña de subvención.

Os beneficiados serán por rigorosa orde de entrada e está prevista unha subvención de entre 350 ou 400 euros por persoa.

Poderán optar as persoas que tiveron que facer este gasto dende os primeiros momentos do Estado de Alarma, alá polo mes de marzo.

Axudas Supera21

Ao respecto das axudas Supera, a portavoz do Goberno explicou que traballa na tramitación desta segunda liña de axudas, nesta ocasión denominadas Supera21, para o que xa mantivo conversas informais con asociacións para centrar as liñas de subvención e mellorar a convocatoria. Ademais, está prevista unha rolda final de contactos para esta semana. De feito, mañá ás 12.00 horas está programada unha reunión na sede administrativa do Concello (Michelena, 30) con Zona Monumental e a Plataforma de afectados pola Covid.