Tino Fernández supedita a reapertura progresiva das instalacións deportivas ao comezo da desescalada en Pontevedra por parte da Xunta

145
  • O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes anuncia un protocolo “en dúas fases: a primeira coa apertura dos campos dende Xuvenís ata Infantís e a segunda para Benxamíns e Alevíns”
  • O edil socialista tamén pon como condición que as federacións “teñan aprobados os seus correspondentes protocolos fisicovid e os clubs os protocolos para a actividade específica”

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, asegurou hoxe que o Concello de Pontevedra supeditará a reapertura progresiva dos campos de fútbol e instalacións deportivas municipais “ao alivio das restricións sanitarias e ao inicio da desescalada na nosa cidade por parte da Xunta de Galicia, e tamén a que as federacións deportivas teñan aprobados o seus correspondentes protocolos fisicovid e os clubs os relativos os da actividade específica que van desenvolver”. O socialista avanzou que a desescalada deportiva farase en base a un protocolo que se desenvolverá “en dúas fases diferenciadas: a primeira para os rapaces de categorías Xuvenil, Cadete e Infantil e a segunda para os Benxamíns e Alevíns”. “Teñan ou non competición en calendario”, afirmou.

Fernández lembrou que, ata o momento, as instalacións deportivas municipais permanecían abertas unicamente para os adestramentos e encontros daqueles equipos que tiñan fixadas datas de competición a varias semanas vista, “seguindo unha liña de máxima prevención, que vendo o goteo incesante de mortes que se produciron e que aínda se están a producir, o tempo acabou respaldando e que non teño ningunha dúbida de que foi a decisión máis empática e responsable que se puido adoptar”. Segundo subliñou o tenente de alcalde, “o lóxico é que a desescalada deportiva estea en consonancia co alivio das restricións que o Goberno da Xunta estableza para o conxunto do municipio e de Galicia”. “Cando as condicións sanitarias melloren -avanzou o edil do PSOE- e comece a desescalada, os terreos de xogo e instalacións iranse reabrindo para tódol@s nen@s”.

Ao seu xeito de entender, esta decisión “tampouco poderá adoptarse ao 100% ata que as federacións aproben os seus protocolos fisicovid, xa que algunha aínda non dispón del, e os clubs deseñen os seus protocolos para a actividade específica”.

Agarda que a desescalada deportiva poida iniciarse á volta do Nadal

“En base á liña responsable de traballo que está a seguir esta Concellería de Deportes na indesexada relación deporte-pandemia, e con toda a cautela das medidas sanitarias que en cada momento se poidan adoptar polas autoridades sanitarias na loita contra a Covid-19, a Concellería está traballando para que, á volta do período vacacional do Nadal, se avance na desescalada do ámbito deportivo federado, tal e como se vén facendo dende a aprobación do protocolo de uso das instalacións deportivas municipais no pasado mes de xullo”, asegurou Tino Fernández.

Neste sentido, está previsto que a partir da segunda quincena de xaneiro se poida integrar no uso das instalacións municipais ás e ós deportistas federad@s das entidades locais maiores de 12 anos (categoría Infantil), independentemente da convocatoria oficial por parte da federación correspondente e con protocolo fisicovid federativo para adestramentos aprobado pola Secretaría Xeral para o Deporte. Tal e como indicou o tenente de alcalde, “as entidades interesadas deberán ir tendo a previsión de realizar a solicitude pertinente ao Servizo Municipal de Deportes (SMD), achegando un protocolo fisicovid propio do club, unha declaración responsable sobre as medidas a adoptar e a persoa responsable do control da Covid da entidade, unha relación dos asistentes á instalación con indicación do seu número de licencia federativa e o seguro de responsabilidade civil do equipo”.