Goberno e Plataforma de afectados pola Covid, dacordo nos aspectos subvencionables de Supera21

41

Entre as liñas estarán electrodomésticos, veladores, material de servizo a domicilio, proteccións covid ou ferramentas dixitais.

Tamén acordan incrementar a contía do anticipo, aumentar o marxe para a execución das axudas ou exonerar do pago da taxa de veladores durante o tempo que permaneceron pechados.

O Concello de Pontevedra mantivo esta mañá unha reunión coa Plataforma de afectados pola Covid para abordar a convocatoria das axudas Supera21 e analizar a folla de necesidades presentada pola plataforma. O Goberno Local estivo representando pola portavoz do Goberno, Anabel Gulías, a concelleira de Promoción económica, Yoya Blanco e pola concelleira de ocupación de espazo público, Eva Vilaverde.

Os acordos recollen que as axudas atenderán a renovación e arranxo de electrodomésticos, a renovación de veladores (mobiliario, calefactores…), a compra de material para o servizo a domicilio, material de protección Covid ou gastos en ferramentas dixitais (web, RRSS…).

Tamén se acordou incrementar a contía do anticipo que ofrece o Concello cunha cifra aínda sen pechar (na actualidade é do 70%), que o Concello realice unha campaña de comunicación para que as persoas invistan nos produtos locais, ou incrementar a marxe de execución das axudas, como mínimo a 6 meses.

Ao respecto da taxa de veladores, tamén se chegou ao acordo de exonerar do pago da taxa durante o tempo que os establecementos estivesen pechados. Esta medida aplicaríase con carácter retroactivo.

Ademais, dende a Plataforma tamén se lle pediu ao Goberno Local ser interlocutores no futuro dentro dos temas relativos á xestión da pandemia e solicitaron que se incrementen, durante o tempo que fose necesario e mentres persista a situación, as axudas Supera. O Goberno tamén recolleu estas peticións coas que se amosa dacordo.

Ambas partes aplaudiron os puntos de encontro e a Plataforma amosou o seu grao de satisfacción coas axudas que consideran boas para os sectores afectados pola pandemia.