O alcalde recibe aos afectados do Pazo de Gondar

77

A Policía comprobará que se retirou o peche perimetral da finca que cerrou camiños públicos e acceso históricos a parcelas.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores recibiu esta mañá aos afectados do Pazo de Gondar, na parroquia de Santo André de Xeve, e coñeceu de primeira man a súa problemática. Estivo acompañado do concelleiro de Urbanismo e Patrimonio, Xaquín Moreda e pola concelleira delegada da parroquia, Pilar Comesaña.

O Pazo de Gondar mantén arrendamentos dende o século XV cun nutrido grupo de veciños e veciñas das tres parroquias de Xeve: Santa María, Santo André e Verducido. Dende fai uns meses, un “teórico” arrendatario das fincas acordou o peche perimetral con arame de espiños para destinalo a explotación gandeira coa cría de cabalos, impedindo aos veciños e veciñas a explotación das terras arrendadas dende fai séculos.

O Concello xa ordenou a retirada tanto do arame de espiños como do peche perimetral porque está a afectar a camiños de uso público e o acceso a fincas privadas empregados historicamente polos veciños.

Tamén se remitiu un escrito a Medio Rural preguntando se a explotación tiña licenza, e demostrouse que non.

Finalmente, tamén se mandou unha nota informativa á Dirección xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia por unha posible ocupación irregular do Pazo.

Os veciños que acudirán á vía xudicial para decidir sobre os seus dereitos de explotación da terra, trasladaron ao alcalde as dúbidas sobre a propiedade do Pazo, e tamén as presións e actitudes estrañas procedentes do ámbito dos supostos propietarios que está enmarcando a toda esta problemática veciñal e que recorda a décadas pasadas.

O alcalde comprometeuse a continuar obtendo información sobre a situación do Pazo, tanto a través do Arquivo municipal, así como da Policía, que volverá ao lugar para comprobar que se executou a orde de Disciplina urbanística de retirar o peche.