Benestar Social inicia o reparto de vales de Nadal para distribuír alimentos entre os máis vulnerables

54
  • A Concellería que dirixe Marcos Rey destina 15.000 euros a estes vales, que se distribuirán entre Calor e Café, comedor de San Francisco, Rexurdir, Cáritas, O Mirador, Club de Leóns e Banco de Alimentos
  • As sete entidades que colaboran co Concello de Pontevedra no programa poderán trocalos por comida e outros produtos de primeira necesidade no Hiper Froiz da rúa Cobián Roffignac

A Concellería de Benestar Social acaba de poñer en marcha unha campaña consistente no reparto de vales de Nadal para a adquisición de alimentos e produtos de primeira necesidade que se distribuirán ao longo das vindeiras datas entre os máis vulnerables. O departamento que dirixe o socialista Marcos Rey destinou unha achega económica de 15.000 euros a esta iniciativa solidaria, que conta coa colaboración de sete importantes entidades sociais da nosa cidade e cuxos bonos poderán trocarse por comida e outros artigos no Hiper Froiz da rúa Cobián Roffignac.

En concreto, os bonos faranse chegar aos responsables do Banco de Alimentos de Pontevedra, o Club de Leóns, a Asociación O Mirador de Monte Porreiro (que xestiona o banco de alimentos existente no barrio), Cáritas, o comedor de San Francisco, Rexurdir Provincial e o albergue de Calor e Café (San Vicente de Paúl). Ata o almacén que a Fundación Provincial Banco de Alimentos posúe no número 2 da rúa Faustino Santalices desprazáronse precisamente o tenente de alcalde, Tino Fernández, e o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, para entregarlle ao seu responsable, José Luis Doval, un dos vales desta campaña solidaria.

Segundo apuntou Marcos Rey, agradeceu a colaboración da firma Froiz, que puxo a disposición da iniciativa o seu Hiper Froiz de Pontevedra, “que é o máis céntrico e o que ten un pouquiño de todo”, e asegurou que “neste concello a ninguén lle vai faltar nunca un prato de comida, e menos aínda nestes momentos tan difíciles e nestas datas tan sensibles”.

José Luis Doval avanzou que o Banco de Alimentos de Pontevedra non vai agardar para facer a compra de comida desta campaña e “mañá mesmo estaremos no Hiper Froiz para recollela e traela ao almacén”. “Vennos moi ben -admitiu-, xa que é necesario incrementar un pouco o acopio de alimentos do almacén, que hai uns días estaba cheo e que xa empeza a escasear. Estamos máis ou menos cubertos para o Nadal, porque vimos de despachar practicamente tódolos alimentos que tiñamos previsto repartir nestas datas”.