Desenvolvemento Sostible impulsa a creación, mellora e acondicionamento de hortas escolares en dez centros educativos de Pontevedra

50
  • Destináronse 6.683 euros á creación e mantemento de verxeis en A Xunqueira I, Campañó, Xeve, Vilaverde, Marcón, San Martiño, Cabanas, Ponte Sampaio, Campolongo e Crespo Rivas
  • O concelleiro Iván Puentes supervisou esta mañá os traballos de mellora executados pola empresa Feito Pontevedra SL para acondicionar os seus verxeis e arranxar o seu sistema de rega

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, visitou esta mañá a escola Concepción Crespo Rivas para supervisar os traballos de mellora e acondicionamento realizados pola firma Feito Pontevedra SL na horta escolar deste centro educativo. Estas actuacións inclúense dentro dun proxecto impulsado polo departamento que dirixe Puentes cun investimento de 6.680 euros para a dotación e mantemento de verxeis nunha decena de colexios: A Xunqueira I, Parada-Campañó, Santo André de Xeve, Vilaverde (Mourente), Marcón, San Martiño, Cabanas (Salcedo), Ponte Sampaio, Campolongo e Crespo Rivas.

Segundo explicou o edil socialista, que estivo acompañado polo coordinador da empresa, Jacob Nogueira, e polo responsable da horta do Crespo Rivas, Álvaro Estévez, “nestes últimos meses do ano a firma concesionaria xa puxo en marcha hortas escolares en seis deses dez centros, en concreto, nos de Vilaverde, A Xunqueira I, Campañó, Marcón, San Martiño (Salcedo) e Crespo Rivas”. “O contrato con Feito abrangue non só as actuacións de acondicionamento -precisou Puentes-, senón tamén un seguimento que engloba unha xornada inicial de información, explicación e plantación dun lote de 20 unidades de plantas (leitugas, fresas e aromáticas, a determinar en base á dispoñibilidade), dúas visitas bimensuais de seguimento e resolución de dúbidas e unha actividade final de curso. Ata o momento, a xornada de inicio xa se celebrou en Campañó e desenvolverase de xeito inminente no colexio Vilaverde”.

O centro educativo de Mourente foi previamente obxecto de obras de limpeza de zonas comúns mediante desbroce e retirada de restos, así como de cavado e acondicionamento de bancais. Tanto no de Campañó como nos de San Martiño e A Xunqueira I preparouse a superficie destinada á horta manualmente, realizando unha escavación do terreo, o perfilado do mesmo, a creación de zonas de paso e a plantación con ‘caballóns’ elevados.

Para poñer en marcha a horta escolar do colexio de Marcón limpáronse as zonas de paso mediante desbrozadora, retiráronse restos e cavouse unha bancada a través de medios manuais, mentres que na escola Concepción Crespo Rivas limpáronse e preparáronse os seus hortos, arranxándose o seu sistema de rega (que tiña moitas roturas) e incluíndose no proxecto a colocación de chaves de paso individuais en cada bancal e de plástico nas portas do invernadoiro. “Neste último centro -subliñou Puentes- hai que modificar algunhas pequenas cousas, xa que foi instalada unha aula prefabricada onde estaban os bancais exteriores”.

As obras previstas en Xeve, Cabanas, Ponte Sampaio e Campolongo

Iván Puentes constatou que os traballos de dotación de hortas continuarán no CEIP Santo André de Xeve, “coa creación dun bancal elevado de madeira de 6 metros de longo por un metro de ancho e 50 cm de altura, realizado e o recheo con dous metros cúbicos de terra misturado con compost procedente de compostaxe urbano”; no de Ponte Sampaio, “coa preparación do terreo mediante medios manuais co cavado e creación dun ‘caballón’ elevado, e no de Campolongo, “preparando a superficie destinada á horta manualmente, realizando un cavado do terreo, perfilando o mesmo e adecuando zonas de paso e plantación con ‘caballóns’ elevados”. “En Cabanas, a Anpa decidiu instalar un invernadoiro e temos en ‘stand by’ a intervención”, matizou Puentes.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible lembrou que a empresa de inserción laboral Feito Pontevedra tamén se encarga do mantemento das zonas comúns das hortas urbanas, así como do asesoramento aos seus usuarios catro horas á semana. O seu departamento destinou unha achega económica de 10.000 euros para a dinamización e xestión de tódolos verxeis comunitarios do municipio, ofertados en concesión, previa inscrición das persoas interesadas, por un prazo de dous anos, prorrogable por outros dous, e dándolles preferencia ás usuarias e usuarios dos Servizo Sociais do Concello ou do Centro de Información á Muller (CIM).

Feito Pontevedra encárgase de asesorar aos usuarios durante todo o ano no que se refire ao tipo de cultivos que deben realizar, o xeito de facelos e o manexo agronómico da plantación, de cara a respectar o medio ambiente. Ademais, levan a cabo o mantemento das instalacións e das zonas comúns, supervisando o cumprimento das normas establecidas para o uso das concesións.

Os uso das hortas por parte dos concesionari@s desenvólvese ao longo de todo o ano, coa realización de diferentes cultivos, tanto de inverno (como poden ser as coles) como de primavera/verán (leitugas, tomates, pementos…). Talleres e charlas formativas complementan as dinámicas de xestión dos bancais do Mirador de Monte Porreiro, que nestes momentos aproveitan 16 usuarios, e a Finca de Conde Bugallal, utilizados por 37 concesionarios.

As novas hortas de Ernesto Caballero, para principios de 2021

Iván Puentes subliñou que esta oferta de hortas urbanas ampliarase substancialmente coa creación de novos verxeis de carácter comunitario nunha parcela situada na rúa Ernesto Caballero, na que Feito Pontevedra SL executará unha actuación que conta cun investimento de máis de 28.000 euros. O edil do PSOE avanzou que este proxecto, que plantexa a instalación de 17 bancais elevados de 14 metros cadrados e dotados de sistemas de rego, o peche perimetral da parcela e o subministro de elementos auxiliares, “estará en marcha nos primeiros compases de 2021”.

A nova horta ecolóxica urbana sumarase ás xa existentes actualmente no Mirador do barrio de Monte Porreiro e na Finca de Conde Bugallal, dotadas respectivamente de 22 bancais elevados de 4,2 metros cadrados e de 37 bancais de 18,6 metros cadrados.