O marketplace ‘E-Ponte.com’ dá a coñecer o nome da gañadora da súa flamante cesta virtual de Nadal valorada en máis de 1.000 euros

29
  • Silvia Laredo, unha veciña de Moraña usuaria do portal de comercio online, foi a gañadora do sorteo impulsado polo e-commerce da Concellería de Promoción Económica e #PonteLovers

Unha veciña de Moraña chamada Silvia Laredo Quinteiro foi a afortunada que se levou a cesta virtual de Nadal sorteada este xoves polo marketplace de comercio local ‘E-Ponte.com’, impulsado pola Concellería de Promoción Económica en colaboración coa plataforma #PonteLovers. A cesta foi sumando agasallados achegados por diferentes negocios rexistrados no portal de e-commerce ata acadar un valor de máis de 1.000 euros (inicialmente era duns 900): un vale de 150 euros para gastar en ‘E-Ponte.com’; unha centola da Praza de Abastos; unha mini sesión de fotos de Nadal para nen@s valorada en 90 euros con QSM Photo; o libro ‘Caras de Pontevedra’ cedido pola Librería Baroja (100 €); dúas caixas do Centro María José Pazos para tratamentos de lifting e para hidratar e tratar en profundidade os signos do envellecemento da pel (140 euros); un vale de 50 euros e un Ritual de Prosperidade para o Ano Novo de Aquelarre (13 €); un vale de 100 euros de Fotorec; un corte de cabelo con peiteado e manicura e un champú especial para o tipo de cabelo (30 €) ofrecido por Arume; un xogo de sabas de Olbe Textil por valor de 50 euros; un vale de 30 euros de Chico’s Sport; unha consulta de nutrición enerxética e un pack de pasta integral Macarrone, alga percebe deshidratada (50 gramos) e spaghetti de mar en lata (valorado todo en 50 €) achegada por Algas de Galicia; un turrón, un panettone, unha ducia de polvoróns, unha ducia de mazapáns, dúas árbores de Nadal de satén, dúas galletas de estrela, dúas madalenas de Nadal e dúas piruletas de chocolate (cun valor de máis de 35 euros) confeccionadas por A Devesa, e un tratamento facial que de máis de 85 euros na Peluquería Estela que inclúe lifting de pestanas, peiteado e cóctel hidratante.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, salienta “a xenerosa e desbordante implicación das empresas de ‘E-Ponte.com’ neste sorteo de Nadal, achegando premios, produtos físicos e servizos gratuítos exclusivos que permitiron elaborar unha cesta de primeiro nivel”. A edil socialista sinala que “se ben a cesta non lle tocou a unha veciña ou veciño da nosa cidade, o feito de que a afortunada fose unha usuaria do marketplace radicada en Moraña pon de manifesto que o portal online está a permitir que os nosos comercios cheguen a clientes radicados máis aló dos confíns do municipio a golpe de ‘click’”. “Ese era de feito un dos obxectivos cos que se puxo en marcha -apunta Blanco- e nestes momentos xa están a acontecer cousas como que unha óptica de Pontevedra estea a piques de esgotar o stock dalgún produto demandado noutros puntos do Estado”.

A concelleira lembra que o procedemento para dar a coñecer o nome da gañadora incluíu un primeiro sorteo con tódolos participantes en redes sociais, entre os que se sacou a un finalista; outro sorteo entre tódolos usuarios rexistrados no portal ‘E-Ponte.com’, obtendo outro finalista, e un sorteo final, no que se uniu ao finalista de redes sociais e ao das persoas rexistradas no e-commerce con todos aqueles consumidores que fixeran unha compra no marketplace.