Pontevedra presenta un plan de 100 millóns de euros de investimento para 2021

60

O alcalde e o tenente de alcalde presentaron esta mañá o proxecto de Orzamentos 2021 que supera os 80 millóns de euros, “o máis alto da historia”.

O capítulo de investimentos achégase aos 13 millóns que sumados aos máis de 20 dos remanentes que se incorporarán en marzo e os case 60 millóns do contrato da auga, o Concello está en disposición de superar os 100 millóns de investimento en 2021.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o tenente de alcalde, Agustín Fernández, presentaron esta mañá o proxecto de orzamentos 2021 que se levará a debate plenario ao longo do mes de xaneiro. Neste documento séntanse as bases económicas do investimento que o Goberno local fará no vindeiro ano, cunha contía non inferior aos 100 millóns de euros e que xerará arredor de 2.000 postos de traballo.

Son os orzamentos da reactivación económica e consideramos que todas as administracións teñen o deber de facer un esforzo para inxectar cartos na economía, que é a mellor forma de xerar emprego e riqueza

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra

Indicou que este proxecto de orzamentos para 2021 é a primeira fase dun plan económico que o Concello porá en marcha o ano que vén. Este plan estaría conformado polo Orzamento xeral “o máis alto da historia” cunha cifra de 80.734.300 euros, que inclúe unha partida de investimento directo de 12,9 millóns de euros; a incorporación de remanentes cunha cifra superior aos 20 millóns de euros que será realidade entre o primeiro e o segundo trimestre de 2021 -unha vez rematada a liquidación do orzamento de 2020-; e unha terceira que serían os investimentos derivados do novo contrato da auga que se achegan aos 60 millóns de euros, é dicir, “catro veces a inversión media dos últimos anos. É un esforzo moi grande que xerará arredor de 2.000 postos de traballo”, explicou Fernández Lores.

Orzamento de 2021

Ao respecto das grandes cifras do proxecto de Orzamento 2021, o alcalde aclarou que o capítulo de ingresos increméntase en 1.328.000 euros “a pesar de manter por sétimo ano consecutivo as taxas e os impostos conxelados, sen incremento do IPC”. Este aumento dos ingresos “vén dado polo aumento da actividade económica, polo aumento da poboación e polo traballo feito actualizando os censos coa idea de buscar a equidade fiscal”, recordou Lores.

Sobre os Gastos, o alcalde lembrou que se incrementa o gasto corrente, sobre todo, coa incorporación do Pazo da Cultura, e tamén dos gastos derivados da Covid que superan o millón e medio de euros en limpezas de parques e xardíns, de centros de ensino, de dependencias municipais, do espazo público, da merca de epis para o persoal, da atención domiciliara ás persoas, a reforma de dependencias municipais para adaptarse aos novos tempos…

Nos case 13 millóns de euros de investimento están incluídos proxectos de accesibilidade rural e urbana, actuacións no Centro Sur, o proxecto de Mollavao, investimentos en xardíns e zonas verdes, ou as axudas Supera21 que estarán financiadas cun millón de euros para a actividade económica (600.000 euros) e ás familias (400.000 euros). 

O capítulo de persoal incorpora o 0,9% que fixan os Orzamentos do Estado.

“Quero amosar a miña satisfacción pola presentación destes orzamentos que teñen uns investimentos potentes porque hai que inxectar diñeiro na economía” -argumentou Lores- “os máis expansivos da historia de Pontevedra. Teño que resaltar a nosa confianza en reactivar a economía do concello”.

Agustín Fernández: “É un orzamento de Goberno”

O tenente de alcalde, Agustín Fernández, destacou que ademais de ser un orzamento histórico para súa contía “tamén o é pola folla de ruta, porque é un orzamento de Goberno, e a maioría das actuacións teñen un carácter transversal”.

Destacou que este proxecto económico “ataca aos problemas dos cidadáns xerados pola propia pandemia”. E dado que “a esencia son as persoas”, asegurou o tenente de alcalde que, “ninguén se vai a quedar atrás. O goberno está disposto a facer todos os esforzos para conseguir este equilibrio social. É un orzamento ambicioso no gasto social, pero se ten que ser máis ambicioso, serao”.

O Concello de Pontevedra é unha administración que escoita aos cidadáns, que busca solucións, e proba diso é o esforzo de asumir gastos que non lle corresponden porque o importante é facer as cousas fáciles ás persoas

Agustín Fernández, tenente de alcalde.

O tenente de alcalde , fixo unha petición para unha mellor coordinación entre administracións “onde a oposición deberá xogar o seu papel”.

Tamén fixo un agradecemento expreso do alcalde “porque permitiu que este orzamento chegase a bo porto con escasas dificultades”.