O Goberno entrega aos grupos políticos municipais o anteproxecto de Orzamentos de 2021

19
  • O incremento dos ingresos débese a maiores transferencias do Estado, a Fondos Edusi e ao incremento da actividade económica
  • O Gasto corrente increméntase en 3.032.000 euros debido á incorporación do Pazo da Cultura e aos contratos vinculados á prevención da Covid 

O Goberno de Pontevedra entregou esta mañá, nunha comisión extraordinaria de Economía e Facenda, o anteproxecto de Orzamento de 2021 aos grupos políticos da Corporación municipal e ao concelleiro non adscrito (que non asistiu, aínda que se lle deixou a documentación dispoñible). Segundo explicou o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, ademais da entrega do anteproxecto aos grupos municipais tamén no día de hoxe se reuniu a mesa de negociación para que coñeza o documento e ditame as cuestiósn relativas a persoal. Paralelamente estanse redactando as bases de execución, a memoria da alcaldía, o plan estratéxico de subvencións e os correspondentes informes de contabilidade e intervención, co obxectivo de contar co expediente concluso a vindeira semana. Deste xeito, iniciaríase a tramitación estritamente administrativa coa previsión de poder levar o orzamento a pleno antes de mediados de xaneiro.

Raimundo González lembrou que, nesta primeira fase (xa que a segunda sería no mes de abril coa liquidación das contas do 2020), o orzamento para 2021 ascende a 80.734.300 euros.

Nun resumo xeral, indicou que “os ingresos suben ou ben por maiores transferencias do Estado ou ben por Fondos Edusi ou ben por incremento da actividade económica e como consecuencia das inspeccións” e lembrou que “en ningún caso sube como consecuencia do incremento das taxas ou dos impostos porque están conxeladas por séptimo ano consecutivo”.

Salientou como o máis novidoso “un cambio substancial na composición dos gastos corrientes” posto que se inclúen “todas aquelas actuacións de limpeza, control e desinfección para prevención da Covid”. Neste sentido, asegurou que “é un orzamento que, aparte de ter como obxectivo principal e fundamental a recuperación económica nesta cidade, ao mesmo tempo non nos esquecemos de todos aqueles labores que aos que temos que facer fronte como consecuencia da pandemia”. 

Así, o capítulo de Gastos Correntes en Bens e Servizos increméntase en 3.032.000 euros debido ás seguintes partidas:  

  • A desaparición do Organismo Autónomo Pazo de Congresos supón que todos os gastos  do organismo pasan a integrarse no orzamento do Concello. Este apartado ascende a 1.425.000 euros
  • Os contratos vinculados á prevención da Covid ascenden a 1.104.500 euros e contemplan a limpeza e desinfección de dependencias municipais, desinfeccións de parques e xardíns, desinfeccións dos centros escolares, incremento de limpeza en centros sociais unha vez que se poñan en marcha, EPI,s e material de limpeza, e controis de acceso ás dependencias municipais. 
  • O novo contrato de limpeza que entra en vigor para mercados, dependencias municipais, instalacións deportivas e culturais, e que en relación ao actual contrato supón un incremento de 290.000 euros.
  • Increméntase en 145.000 euros a partida destinada a feiras de saúde, escaparatismo, Ponte Ciencia, etc
  • Increméntase en 135.000 euros o mantemento de espazos públicos, tanto nos viais municipais como en reparacións eléctricas
  • Contémplase un incremento de 245.000 en previsión da implantación do imposto de incineración de residuos, que podería entrar en vigor a mediados do vindeiro exercicio segundo a Lei prevista polo Ministerio de Transición Ecolóxica.

Raimundo González explicou que algunhas partidas do capítulo de Gastos Correntes descenden, polo que o saldo neto entre os incrementos e as baixadas se sitúa nese aumento de 3.032.000 euros.