Marcos Rey participa no reparto de alimentos da Asociación O Mirador de Monte Porreiro, beneficiaria da campaña de Nadal da Concellería de Benestar Social

15

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, participou esta mañá no reparto de comida organizado polo banco de alimentos da Asociación O Mirador de Monte Porreiro, unha das sete entidades beneficiarias dos vales de Nadal distribuídos polo seu departamento para atender as necesidades dos máis vulnerables nestas datas. O edil socialista, que acompañou ao presidente do colectivo, Carlos Diéguez, lembrou que a campaña solidaria municipal conta cunha achega económica global de 15.000 euros, entregada en bonos, ademais de a O Mirador, ao Banco de Alimentos de Pontevedra, o Club de Leóns, Cáritas, o comedor de San Francisco, Rexurdir Provincial e o albergue de Calor e Café (San Vicente de Paúl). 

“Os vales entregados foron trocados por comida e outros artigos de primeira necesidade no Hiper Froiz situado na rúa Cobián Roffignac. Dende as diferentes entidades están a proceder a facerllos chegar a aquelas persoas que máis o necesitan. Hoxe quixen estar aquí nesta xornada de reparto dun banco de alimentos que realiza un labor esencial na nosa cidade”, asegurou Rey.