Un centenar de comercios participan no Concurso de Escaparates de Nadal de #PonteLovers

41
  • A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, anima á cidadanía a votar a través do Facebook do Concello de Pontevedra ata o vindeiro luns 28 de decembro
  • O departamento que dirixe a edil socialista xa repartiu entre os establecementos participantes adhesivos identificativos cun código QR e unha dirección URL para poder votar

Despois de seren informados sobre o certame coa entrega de octavillas e de charlas explicativas do persoal da empresa Sra. Nona Brand, un total de 96 comercios de Pontevedra animáronse a participar no Concurso de Escaparates de Nadal impulsado pola Concellería de Promoción Económica a través da plataforma #PonteLovers. O departamento que dirixe a socialista Yoya Blanco xa distribuíu entre os establecementos inscritos os adhesivos identificativos que estarán colocados nun lugar visible dos seus escaparates e que facilitarán que se poida votar por eles, ben escaneando o código QR do vinilo ou ben tecleando a URL que aparece no mesmo.

Asemade, tamén se repartiron entre os comercios participantes máis de 11.000 octavillas informativas nas que se explica o procedemento de votación para que os responsables dos negocios as poidan entregar aos seus clientes nesta semana de concurso. Tal e como subliña Yoya Blanco, “o único que hai que facer para darlle o noso respaldo ao escaparate que máis nos guste é premer no boton de ‘votar’, visualizar as fotografías dos participantes e emitir o noso veredicto”. “Os tres máis votados serán os gañadores dun primeiro premio de 1.500 euros, un segundo de 1.000 e un terceiro de 500. O día 29 de decembro darase a coñecer o resultado ás 21:00 horas a través das redes sociais do Concello”, explica.

Os negocios que resulten vencedores deste Concurso recibirán, ademais destes galardóns en metálico, os seus respectivos vinilos coa mensaxe ‘establecemento gañador’ para que os poidan lucir nos seus escaparates. 

O certame tamén contempla premios para os cidadáns que participen nas votacións, sorteando 20 cheques regalo cun valor de 25 euros cada un para trocar por produtos e servizos en calquera dos negocios inscritos.

Yoya Blanco lembra que esta iniciativa ten a finalidade de poñer en valor os establecementos comerciais da nosa cidade e de potencia-la súa imaxe durante estas datas, “seguindo unha filosofía que se reflicte á perfección no seu lema, ‘É o momento de amosar a túa mellor cara’, co que se salienta que precisamente nestes momentos tan difíciles temos que sacar o lado máis belo dos nosos negocios e atraer á cidadanía ao comercio local empregando esa carta de presentación e de reclamo que son os escaparates”. 

Xa van contabilizados uns 7.500 votos

Segundo constata Noemi de Miguel, directora de Contas de Sra. Nona Brand, “o Concurso de Escaparatismo está sendo un éxito de participación, tanto no que atinxe ao número de comercios inscritos como no que se refire á implicación por parte da cidadanía, xa que nestes momentos temos xa contabilizados uns 7.500 votos”. A responsable da axencia creativa organizadora do certame asegura que “en xeral tódolos comercios recibiron o concurso cos brazos abertos, agradecendo que se lles facilitase o material no seu lugar de traballo e que se lles explicase de xeito personalizado o seu funcionamento”. “Están moi ilusionados e expectantes coas votacións”, afirma De Miguel.

Pódese obter máis información sobre este evento a través do seguinte enlace: www.pontevedra.gal/atuamellorcara