A San Silvestre de Pontevedra regresa ás súas orixes cunha mostra de máis de 100 fotos e carteis

53
  • A exposición, patrocinada por Panaderías A Devesa, repasa os cambios experimentados pola proba nestes 37 anos e estará instalada en Montero Ríos alomenos ata mediados de xaneiro
  • O acto inaugural da mostra, elaborada grazas aos arquivos de Diario de Pontevedra e a Sociedade Ximnástica, contou coa presenza de Estanislao Durán, primeiro gañador da carreira no ano 77

Un total de 112 orixinais entre fotografías e carteis antigos, aos que se sumou unha selección de diversos recortes de prensa, conforman a exposición organizada pola Sociedade Ximnástica e a Concellería de Deportes para percorrer visualmente os 37 anos de vida da San Silvestre de Pontevedra. A mostra fotográfica, que está patrocinada por Panaderías A Devesa e que permanecerá instalada na avenida de Montero Ríos, á altura das Ruínas de Santo Domingo, alomenos ata mediados de xaneiro, permite ir observando a través das imaxes as mutacións que foi experimentando a carreira dende os seus inicios un pouco máis ‘profesionalizados’ ata as últimas edicións, máis masivas, familiares e nutridas de humor.

Esta ‘viaxe’ pola evolución da San Silvestre elaborouse grazas a un fondo fotográfico seleccionado esencialmente nos arquivos de Diario de Pontevedra e a Sociedade Ximnástica (aínda que tamén hai algunhas imaxes doutros medios). Acompañadas por textos escritos polo xornalista David Acevedo, a meirande parte desta selección de imaxes foi efectuada por Ramón Rozas.

A exposición foi presentada esta mañá en Montero Ríos nun acto inaugural ao que asistiron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; a presidenta da Ximnástica, Charo Castro; o director deportivo da carreira e multicampión da mesma, Víctor Riobó; o xefe do Servizo Municipal de Deportes, Jaime Agulló, e a directora de tendas de Panaderías A Devesa, Patricia Novas, e que contou coa presenza dun ilustre convidado neste regreso ás súas orixes: Estanislao Durán, vencedor das dúas primeiras San Silvestre en 1977 e 1978.

Tal e como explicou Tino Fernández, esta mostra, cuxo xermolo xurdiu de maneira informal durante a planificación da peculiar edición deste ano, “forma parte da dimensión publicitaria da ‘Rara, pero San Silvestre’, moi potenciada este ano debido ás singularidades e ao particular formato co que se está a celebrar a carreira”. Segundo subliñou o edil socialista, a escolma de fotografías pretende ofrecer unha idea conxunta da proba, “un álbum de fotos sen máis aspiración que a de vernos reflectidos nun espello afectivo e entrañable”.

A mostra consta de cinco paneis, con sete caras cada un, cinco nun volume inferior e dous no superior, aparecendo en todos eles chamadas á colaboración co Banco de Alimentos. Os cubos inferiores teñen seis metros cadrados, mentres que as caras dos paneis superiores miden 1,20 x 2,44 metros cada unha.

“Sempre me lembrarei con ledicia desa primeira San Silvestre”

Estanislao Durán amosouse entusiasmado con este regreso ao pasado que lle permitiu a inauguración desta mostra, afirmando que “parece que foi onte cando corrín por primeira vez aquí a San Silvestre”. “Nestes tempos de pandemia tan complicados -asegurou- é importante que haxa xente e organismos que promocionen o deporte e a boa saúde. Sempre me lembrarei con moita ledicia desa primeira proba que fixen aquí. Estaba a piques de rematar a ‘mili’. Volvería repetir aqueles momentos”. O tenente de alcalde convidouno a participar na do ano que vén.

Patricia Novas lembrou que A Devesa “leva moito tempo colaborando coa Sociedade Ximnástica e a San Silvestre, polo que este ano, aínda que sexa complicado e raro, non podía ser menos e hai que agradecerlle ao Concello o seu xeito de traballar neste sentido”.

Máis de 500 inscritos que xa completaron 1.500 kilómetros

A pesar do radical cambio de formato que a situación sanitaria obrigou a efectuar na San Silvestre, a carreira deste ano está a atopar unha moi boa resposta por parte da cidadanía pontevedresa. Charo Castro indicou que o número de inscricións rexistradas pola Sociedade Ximnástica acada xa a cifra de 523 persoas anotadas, que a falta de máis de 20 días para que remate o evento, “levan completados máis de 1.500 kilómetros (1.507.521 metros)”. Castro constatou que os circuítos con máis rexistros son o da Illa das Esculturas, de 4,6 kilómetros, con 94; o Entrepontes (entre as pontes do Burgo e As Correntes), dun kilómetro, con 79, e o da Xunqueira de Alba, de 3,7 kilómetros, con 61, seguidos polo da Alameda, de 1,2 kilómetros, con 47; o da Ría-Río (entre a Ponte dos Tirantes e o miradoiro da avenida de Marín), de 5 kilómetros, con 44, e o da senda do Lérez, de 8 kilómetros, con 43.