Os escaparates das Galerías Oliva convértense nun museo efémero da indumentaria tradicional galega co II Roteiro de Traxes Tradicionais

116
  • A mostra, organizada pola Asociación Etnográfica Sete Espadelas e impulsada pola Concellería de Promoción Económica e a Deputación, poderá visitarse ata o xoves 31 de decembro
  • A socialista Yoya Blanco participou hoxe xunto cos voceiros do colectivo, David Quiñones e José Luis Rodríguez, no roteiro inaugural da exposición, composta por 13 traxes tradicionais

As Galerías da Oliva converteranse este Nadal nun museo efémero da indumentaria tradicional galega coa II edición do Roteiro de Traxes Tradicionais, organizada pola Asociación Etnográfica Sete Espadelas en colaboración coa Concellería de Promoción Económica e a Deputación Provincial. A exposición, que poderá visitarse ata o xoves 31 de decembro, consta de 13 traxes tradicionais distribuídos en manequíns colocados nos escaparates dos establecementos baleiros desta área comercial.

A mostra foi inaugurada esta mañá cun roteiro explicativo guiado polo presidente de Sete Espadelas, David Quiñones, e por outro dos voceiros do colectivo, José Luis Rodríguez, no que participaron a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, e o presidente da Asociación de Comerciantes das Galerías Oliva, Manuel Lago, e no que foron explicadas as singularidades de cada traxe ou peza tradicional exposta, facéndose especial mención á historia de cada un, o lugar no que foi recollido ou o traballo de reprodución levado a cabo pola asociación. Tal e como indicou Quiñones, a exposición deseñouse “tentando manter a liña comercial de cada establecemento: traxes de home nas tendas de roupa masculina, de muller nas de roupa feminina, ourivería tradicional nas xoierías, complementos nos comercios de atavíos diversos… Cada traxe, complemento antigo ou xoiería vai acompañado dun cartel explicativo sobre o mesmo e tódalas pezas expostas son antigas ou reproducións fidedignas de pezas tradicionais”.

Yoya Blanco amosouse “entusiasmada” cunha iniciativa que permite “enxalzar a nosa indumentaria tradicional e fomentar o coñecemento de novos termos da nosa lingua descoñecidos para a maior parte do público” e, ao mesmo tempo, “incrementar a afluencia de potenciais clientes aos comercios e a visualización dos seus escaparates”. “Supón unha fonte de publicidade e de atracción de público para os comercios e tamén unha sorte de espazo museístico cun gran valor didáctico para achegar o traxe tradicional aos pontevedreses, facilitando visitas guiadas a nenos e nenas de centros educativos para promover estes coñecementos entre os máis pequenos. Aconsello á xente que, de paso que vén mercar ao comercio local, desfrute desta marabillosa exposición… Coa promesa a Sete Espadelas de que, para o ano, vestireime eu tamén”, indicou a socialista.

Neste sentido, David Quiñones lembrou que Sete Espadelas xurdiu en Pontevedra “como resposta ás inquedanzas dun grupo de persoas sobre a indumentaria tradicional, cos obxectivos de estudar, recuperar e reproducir prendas esquecidas ou distorsionadas do noso traxe tradicional”. Para isto, recuperan os patróns antigos, o xeito da confección e os tecidos, sempre baseándose en pezas mestras antigas, documentos gráficos ou informacións recollidas ós nosos maiores. Tamén tentan recuperar todo o proceso artesanal do liño e os termos antigos, algúns practicamente esquecidos e outros só residuais aínda na fala.

O traxe tradicional galego acadou o seu máximo esplendor nos séculos XVIII e XIX en Galicia, se ben podemos observar vestixios do mesmo ata ben entrado o século XX, aínda que xa ‘contaminado’ polas modas estranxeiras e os tecidos industriais. Este proceso de modernización no vestir, e os cambios ás novas modas, fixo que a vestimenta no século XX xa se vaia unificando en gran parte da península ibérica, e incluso en gran parte de Europa, perdendo a idiosincrasia propia e o noso característico xeito de vestir (froito do illamento xeográfico que moitas comarcas sufrían, dos tecidos artesanais feitos e tinguidos na casa, das distintas costureiras…), que nos diferenciaba do resto da península nos séculos anteriores. A vestimenta tradicional pódese dividir basicamente en tres tipos, en función do momento do seu uso e as circunstancias: traxes de garda ou gala, traxes de saír ou domingueiros e traxes de decotío ou faena, todos eles presentes neste roteiro-exposición.