Deportes destina máis de 366.000 euros á renovación do céspede artificial dun dos campos de fútbol 11 do Complexo Municipal Manolo Barreiro

60
  • O concelleiro Tino Fernández levará o luns a Xunta de Goberno para a súa aprobación o expediente de contratación deste proxecto, que inclúe a mellora da drenaxe e do sistema de rego do terreo 

A Concellería de Deportes destinará unha achega económica de 366.030,81 euros á renovación do céspede artificial do campo de fútbol 11 número 2 do Complexo Municipal Manolo Barreiro, situado tralo Pavillón Multiúsos da Xunqueira. O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, levará este luns a Xunta de Goberno para a súa aprobación o expediente de contratación deste proxecto, que contempla a instalación de novo céspede e a dotación de novo equipamento deportivo.

Segundo explica o edil socialista, “esta importante actuación tamén incluirá a mellora da drenaxe do campo de fútbol e do seu sistema de rego, así como a instalación de luminarias led”. “Trátase dun terreo de xogo sometido a un uso intensivo durante os últimos anos, sendo empregado para competicións e adestramentos de equipos de diferentes categorías de clubs como o Pontevedra, o Salgueiriños, A Seca, Portero 2000 ou Xuvenil de Lérez, polo que o céspede se atopa nestes momentos algo deteriorado e cómpre renovalo. Máis da metade do investimento será para a adquisición e instalación do novo céspede artificial”, subliña Tino Fernández.

O tenente de alcalde lembra que o Complexo Municipal de Fútbol situado na Xunqueira, composto por dous campos de fútbol 11 e outros dous de fútbol 8, “foi recentemente bautizado co nome de Manolo Barreiro, ao que a situación sanitaria impediu organizar o acto de homenaxe que se lle preparara dende a Concellería de Deportes e que agardamos poder celebrar en 2021”. O concelleiro do PSOE constata que o Concello de Pontevedra porá en marcha o seu plan de reapertura progresiva das instalacións deportivas municipais “obviamente sempre e cando a Xunta de Galicia inicie o seu plan de desescalada”, estando contemplada unha ‘desescalada deportiva’ en dúas fases: a primeira coa apertura dos campos para as categorías dende Xuvenil ata Infantil e a segunda para Benxamíns e Alevíns.

Por outra banda, Tino Fernández avanza que a Xunta de Goberno do luns inclúe na súa orde do día “outro importante asunto para as áreas de Actividade Física e Saúde desta Concellería, como é a aprobación da adhesión do Concello de Pontevedra ao convenio subscrito entre as consellerías de Presidencia e de Sanidade, o Sergas e a Fegamp para a realización de programas de atención e protección da saúde”.