Aprobado o proxecto para ampliar as dependencias comúns no parque de Bombeiros

14

Farase unha redistribución dos espazos do parque para resituar a cociña, o comedor e a zona de descanso.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá as obras de acondicionamento dos espazos comúns no servizo de extinción de incendios derivados da situación ocasionada pola pandemia. Segundo explicou a portavoz do Goberno, Anabel Gulías trataríase de ampliar os metros cadrados dos espazos comúns do parque: cociña, comedor e zona de descanso.

Para facer este acondicionamento, reformarase a zona de taller (anexo ao garaxe) para crear unha zona máis espazosa e garantir as distancias de seguridade, e crear, tamén, unha zona de descanso con estancias individuais suprimindo a actual situación de dormitorio.

Con esta reforma tamén se busca mellorar a disposición de espazos para descontaminación e aseo persoal.

As dependencias actuais servirán para acomodar a zona de administrativa do parque.

O investimento de licitación é de 529.728,60 euros.

Este expediente tramitarase con urxencia baseado nas medidas Covid.