A Fracha disporá en primavera do primeiro Bikepark urbano de Pontevedra

275

É unha proposta incluída dentro do proxecto de creación do parque forestal a instancia do colectivo ciclista de Pontevedra.

Disporá de tres rutas de distinta dificultade con peraltes, cambios de sentido e descensos que oscilarán entre os 700 e os 1.400 metros, e descensos negativos de entre 70 e 90 metros.

O concelleiro responsable de Montes, Alberto Oubiña presentou esta mañá o bikepark urbano proxectado para o parque forestal da Fracha, en compañía de dous membros do colectivo ciclista de Pontevedra que propuxeron ao Concello esta opción: Manolo Torres e David Amor.

Alberto Oubiña explicou que a parcela escollida é de 14 hectáreas na que se crearán tres rutas de distinta dificultade: amarela, laranxa e vermella. A actuación é mínima para habilitar peraltes, cambios de sentido e descensos de entre 700 e os 1.400 metros, e descensos negativos que oscilarán entre os 70 e os 90 metros.

Estes descensos serán pola zona de monte e o remonte será por pistas pavimentadas pola comunidade de montes de Marcón, polo que está previsto que sexa sinxelo o seu uso polo que favorecerá que máis xente poida facer estes descensos.

A actuación farase ao tempo que se habilita o parque forestal, polo que poderá estar lista na vindeira primavera.

Por parte do colectivo ciclista, David Amor explicou que é un fito este proxecto e “pioneiro e único en España que haxa unha instalación destas características tan próxima á cidade”. Tamén se amosou convencido de que “imos ser un referente”.

Alberto Oubiña destacou que “é preciso, nos tempos que corren, diversificar os usos do monte”, polo que na Fracha está prevista “a construción de miradoiros para contemplar as marabillosas vistas da cidade, sendeiros peonís, e agora un bikepark urbano circuíto de descenso de bicicletas urbanos, situado nunha das parcelas que cede a comunidade de montes de Marcón”.

Alberto Oubiña, David Amor e Manolo Torres.