Tino Fernández: “O inicio dos adestramentos dos clubs de fútbol nas instalacións municipais está programado para o luns 11 de xaneiro”

219
  • O tenente de alcalde anuncia o comezo da desescalada deportiva para aquelas entidades con nenas e nenos de categorías maiores de 12 anos e a autorización de competicións oficiais

Logo da aprobación por parte da Secretaría Xeral para o Deporte do protocolo Fisicovid da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) e da activación da fase 1 do mesmo, que corresponde coa vindeira convocatoria das ligas autonómicas de División de Honra e Galega de Xuvenís, Cadetes e Infantís, a Concellería de Deportes vén de informar aos clubs de Pontevedra dos pasos a seguir para o inicio dos adestramentos conforme aos citados protocolos Fisicovid e ao Protocolo de Uso de Instalacións Deportivas Municipais. Entre as medidas comunicadas aos equipos contémplase a aplicación da fase 3 de desescalada que, a grandes riscos, abrangue: o inicio da actividade deportiva de aquelas entidades con nenas/os de categoría maior de 12 anos (Infantil, Cadete, Xuvenil e Sénior) e a autorización de competicións oficiais, principalmente sen seareiros.

Segundo avanzou o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “antes da autorización de inicio dos adestramentos, os clubs deberán presentar a seguinte documentación: unha solicitude formal para os equipos concretos que pretenden comezar a actividade; unha declaración responsable e de aceptación das condicións por parte do club, así como o nomeamento do coordinador/a do protocolo; unha relación das persoas que poden acceder á instalación para os adestramentos e competicións (só poderán acceder aquelas persoas que estean na relación e que conten con licenza federativa en vigor), e o protocolo Fisicovid do equipo en relación aos adestramentos (de querer desenvolver competicións deberase achegar o correspondente protocolo)”.

O departamento que dirixe Fernández tamén lles fixo chegar aos clubs pontevedreses un modelo da ficha de control de acceso que se deberá entregar cada día ao conserxe da instalación indicando as persoas que asistiron ao adestramento. Ademais, achegóuselles un modelo para pasar a cada un dos integrantes do club, que se ben non será preciso enviar ao Servizo Municipal de Deportes (SMD), deberá quedar arquivado por si as autoridades sanitarias ou o propio SMD requirisen dito documento.

“O inicio dos adestramentos está programado para o luns 11 de xaneiro.  Conforme ao disposto pola RFGF, os equipos Sénior e Xuvenil deberán entregar antes do comezo dos adestramentos a declaración xurada de que tódolos compoñentes da plantilla teñen pasado o test serolóxico previamente. Este documento deberase remitir cada 14 días, unha vez cumprido o requisito federativo de realización de test serolóxicos”, explicou Tino Fernández.

Uso de máscara e test serolóxicos

Tódolos usuarios das instalacións deportivas municipais deberán utilizar a máscara de protección en todo momento (antes, durante e despois da actividade), agás aqueles equipos con obriga de realización de test serolóxicos (Xuvenil e Sénior), que poderán non utilizala, unicamente, no momento exacto da realización da actividade. En calquera caso, o tenente de alcalde prégalles aos responsables e xogadores dos equipos “a máxima cautela e prevención no inicio dos adestramentos”, así como “a maior colaboración coa sociedade en xeral e cos empregados do SMD no estrito cumprimento das normas, contribuíndo á loita contra a pandemia provocada pola Covid-19”.