Un estudo da Concellería de Desenvolvemento Sostible detectou 73 especies de aves no ENIL da Xunqueira de Alba na primavera-verán de 2020

105
  • O traballo de seguimento realizado polo biólogo Vítor Xosé Cabaleiro recolle a presenza de 26 especies migradoras transaharianas, que invernan en África e veñen en primavera a criar a Europa
  • O concelleiro Iván Puentes constata que “a día de hoxe son 142 as especies vistas neste espazo natural protexido, que temos o privilexio de posuír a tan só un pasos do centro da cidade”

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural acaba de facer público un estudo sobre tódalas aves observadas no Espazo Natural de Interese Local (ENIL) da Xunqueira de Alba no período de primavera-verán, no que se inclúen tanto as especies que viven neste contorno todo o ano como as que veñen en primavera para criar e aquelas migradoras (que non crían, pero que utilizan o ENIL para descansar e alimentarse na súa viaxe migratoria). O traballo de seguimento, realizado polo biólogo Vítor Xosé Cabaleiro Barroso entre o 14 de abril e o 30 de setembro de 2020, logrou detectar 73 especies de aves distintas, entre as que aparecen 26 especies migradoras transaharianas, é dicir, que invernan en África, ao sur do deserto do Sáhara, e que chegan en primavera a criar en Europa.

“Algunhas destas especies transaharianas non crían na Península Ibérica, pero si que pasan polo ENIL da Xunqueira para descansar e alimentarse en primavera, no seu camiño cara as zonas de cría no centro e o norte de Europa, e a finais do verán, cando retornan a África”, precisou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, durante o acto de presentación do estudo, que tivo lugar esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal e no que participou xunto con Sara Teijeira, enxeñeira técnica en Medio Ambiente Natural do Concello de Pontevedra. 

Segundo o biólogo Vítor Xosé Cabaleiro, o seu traballo permitiu detectar neste espazo natural “unha especie de recente aparición na cidade, o cirrio pálido (apus pallidus), que non fora vista nunca antes no ENIL e cuxa cría en Pontevedra foi descuberta por primeira vez en 2015”. “Agora -asegura Cabaleiro- estes poucos exemplares que crían na cidade utilizan A Xunqueira de Alba para beber e como zona de alimentación”.

O concelleiro Iván Puentes salientou “a minuciosidade, paciencia e tempo de dedicación que requiriu o traballo, xa que para efectuar este labor de detección de aves fixéronse censos cada dez días, percorrendo todo o ENIL cun itinerario fixo e anotando tódalas especies vistas e/ou oídas”. Así, tal e como indicou o edil socialista, “elaboráronse censos un total de 17 días, percorréndose case 80 kilómetros (uns 4,7 diarios) e detectándose en cada censo unha media de 158 individuos e 34 especies distintas ao día”.

13 xornadas de anelamento científico

Para complementar a elaboración destes censos, o autor do estudo tamén desenvolveu entre os meses de agosto e setembro 13 xornadas de anelamento científico de aves no interior da Xunqueira, coa finalidade de capturar especies de difícil detección aproveitando o paso migratorio postnupcial (aves que crían en Europa e marchan cara aos seus territorios de invernación en África). “Foron capturadas 228 aves de 26 especies (unhas 17,5 capturas por xornada). O 7 de agosto atrapouse un exemplar de folosa dos xuncos (acrocephalus schoenobaenus) que fora anelado en East Sussex, Inglaterra, o 6 de setembro de 2019”, salienta Vítor Xosé Cabaleiro.

No traballo publicado por Desenvolvemento Sostible aparecen, cos seus nomes científicos e en galego, especies migradoras transaharianas como o chasco norteño, o papamoscas negro, o trallón cincento (todas elas de paso e que, en consecuencia, non crían na Xunqueira), a folosa común (cría no ENIL) ou a garza rubia (ave escasa en Galicia, que apareceu en primavera uns días e que non cría nestes lares). Tamén foron rexistradas outras tan fermosas como o picapeixe común (martín pescador en castelán), unha das aves máis chamativas do espazo natural pontevedrés, no que cría; o gabián común, ave rapaz asentada na Xunqueira; a estreliña riscada, a ave de menor tamaño do ENIL e a segunda máis pequena de Galicia; a garzota común, invernante habitual neste contorno, e a rula común, que se atopa en declive total en Europa e que aínda pode verse na Xunqueira de Alba, se ben cada vez en números máis baixos (este ano apareceu, pero non puido comprobarse a súa cría).

Iván Puentes subliñou que o estudo realizado por Vítor Xosé Cabaleiro permitiu actualizar a lista histórica de aves avistadas no ENIL da Xunqueira, “situando en 142 as especies vistas neste espazo natural protexido, unha cifra que fala por si mesma do tesouro medioambiental que alberga este paraíso da biodiversidade que os pontevedreses temos o privilexio de posuír a tan só un pasos do centro da cidade”.

Pola súa banda, Sara Teijeira fixo fincapé no feito de que “ningunha especie das que aparece se atopa en perigo de extinción, pero si que boa parte delas está catalogada”, e polo tanto, requiren algún tipo de protección especial”. Tal e como constatou, o seguimento realizado por Vítor Xosé Cabaleiro permitiu avistar na Xunqueira “mesmo un pelicano escapado dunha colección en Francia”.