Contra atrás para as obras do novo vial de Mollavao

22

O alcalde e o presidente en funcións de Deputación, César Mosquera asinaron hoxe un convenio “histórico” de colaboración á espera do informe final de Costas sobre a concesión dos terreos.

O novo vial de Mollavao entre a estrada vella e a avenida de Marín está na conta atrás. Mentres está aberta a exposición pública da concesión dos terreos de Costas, o Concello e a Deputación asinaron hoxe o convenio de colaboración polo que o Concello se fai cargo da licitación e execución da obra, e a Deputación da tramitación administrativa e de achegar o financiamento de 938.824 euros.

O convenio foi asinado polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente en funcións César Mosquera nun acto que consideraron “histórico” pola importancia da actuación.

César Mosquera, concelleiro de Infraestruturas en Pontevedra, explicou que a vía “é sumamente trascendente porque a zona este da cidade foi historicamente maltratada en tódolos aspectos, con deterioros ambientais e urbanísticos bastante graves, polo que merece toda a nosa atención”.

Explicou que as obras resolverán moitísimos problemas, mellorando a conectividade limitada na zona (xa que non existe boa conexión entre a estrada e a autovía ata pasado Praceres), e tamén permitindo a mellora do primeiro treito de Rosalía de Castro, poñéndoa de dirección única de saída a Marín con beirarrúas máis amplas e calidade urbana. “Cambiará de maneira substancial toda a zona”, afirmou.

Ademais do financiamento (938.824 euros) achegado pola institución provincial, Mosquera quixo poñer en valor a importancia da colaboración da Deputación na tramitación, xa que se a nova estrada se fixera a través da modificación do PXOM pontevedrés “nin en catro anos estaríamos neste punto”. “Esta colaboración Deputación –Concello, na que cada un aporta as súas capacidades e facultades para posibilitar a consecución do obxectivo, é o máis salientable. Teño especial aprecio a esta actuación e interese en que saia adiante”, finalizou, para asegurar que tan pronto chegue oficialmente o informe de Costas, o Concello procederá á licitación das obras, que comezarán en 2021.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, congratulouse de asinar o convenio con César Mosquera como presidente en funcións (algo que non acontecera ata o momento) e compartiu os seus apuntamentos sobre a importancia da colaboración institucional.  O rexedor asegurou que o Concello capitalino está levando adiante a iniciativa na recuperación da zona de Mollavao, “onde por circunstancias históricas é preciso actuar”.

Sinalou, así mesmo, que ademais da nova estrada de Mollavao o Concello porá en marcha de maneira inmediata a reforma do primeiro treito de Rosalía de Castro cun proxecto complementario, onde ata o de agora era difícil aplicar o ‘modelo Pontevedra’ pola falta de espazo. Unha vez executadas ambas actuacións o tráfico de chegada dende Marín pasará á autovía, dixo: “Queremos un proxecto global en toda a zona”, afirmou.

A nova estrada de Mollavao discorrerá entre dúas glorietas, unha na avenida de Marín e outra na estrada vella. A lonxitude da vía -entre os centros das rotondas- será finalmente duns 97 metros e o seu ancho será de 15 metros, divididos nunha sección de dous carrís de catro metros, dúas beiravías dun metro, e dúas sendas de 2,5 metros.

A glorieta máis cercana á ría terá un radio exterior de 16 metros, contando o parterre interior de arredor de 13 metros de diámetro, un empedrado de metro e medio,  dous carrís de 3,5 metros cada un, e de dúas beiravías de 0,50. A glorieta interior será máis pequena, únicamente chegando aos 13 metros de radio, e coa mesma disposición de carrís e beiravías.

Renovaranse todos os servizos, instalarase nova iluminación (desprazando algúns dos puntos actuais, conectando 10 novas luminarias e 8 reforzos lumínicos nos pasos de peóns), ademais de plantar vexetación nos espazos verdes das rotondas e tamén algunhas árbores de maior porte.

En canto ao calmado do tráfico, construiranse dous pasos de peóns sobreelevados na rúa Rosalía de Castro, antes e despois da glorieta de acceso; outro no medio da estrada de nova construción; e outro antes da glorieta da avenida de Marín.