O IX Memorial Ramón Escudeiro Tilve de xadrez celebrarase online este domingo e contará coa participación do Gran Mestre Alexei Shirov

60
  • O torneo, organizado en memoria dun rapaz pontevedrés cego que destacou no xadrez (bronce mundial) e tamén no judo (campión nacional), desenvolverase en liña na plataforma ‘lichess.org
  • O evento está organizado pola Escola Xadrez Pontevedra e Ajedrez Latino en colaboración coa Concellería de Deportes e a Universidade de Vigo e transmitirase a través de Youtube

Ao igual que aconteceu co Cidade de Pontevedra disputado este verán, a situación sanitaria obrigou á Escola Xadrez Pontevedra a organizar en versión online o IX Memorial Ramón Escudeiro Tilve, o torneo internacional de xadrez en memoria dun rapaz pontevedrés cego que destacou tanto nesta disciplina (bronce mundial) como na do judo (campión nacional). O evento, que conta coa colaboración da Concellería de Deportes e a Universidade de Vigo, celebrarase este domingo 3 de xaneiro a partir das 21:30 horas a través da plataforma ‘lichess.org’ e será retransmitido en directo pola canle de Youtube de Ajedrez Latino.

Pablo García, director do Memorial Ramón Escudeiro, explica que a competición “desenvolverase polo sistema ‘area’, cunha duración de 90 minutos e cun ritmo de xogo de 3 minutos máis 2 segundos de incremento por xogada”. “Entre os xogadores titulados confirmados -anuncia o mestre internacional- inclúese a participación estelar do Gran Mestre e subcampión mundial Alexei Shirov. A inscrición é de balde e, durante a hora e media que dura o torneo, os xadrecistas terán a posibilidade de xogar as partidas que desexen, xa que o sistema se encargará de ir buscando os rivais (cada vez que se remate unha partida, só hai que premer en ‘Volver al torneo’ e o rival buscarase automaticamente)”.

Todos aqueles que desexen inscribirse só teñen que premer na ligazón https://lichess.org/tournament/55yx8jKB dende o ordenador, tableta ou teléfono móbil que empregan para xogar habitualmente na plataforma ‘lichess.org’ (os que aínda non teñen conta poden rexistrarse de balde). Unha vez se preme no enlace, abrirase a pantalla do torneo e o único que hai que facer é pulsar sobre a pestana ‘Unirse ao Torneo’.

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, anima “a tódolos amantes do xadrez a sumarse a este memorial, dedicado a un rapaz cego que nos deu todo un exemplo de loita e superación ante a adversidade”. O edil socialista constata que, “aínda que o torneo non sexa tan espectacular nesta versión online como cando se xoga de xeito presencial”, a hora que se estableceu para a súa celebración é tan tardía “porque vai xogar moita xente de América Latina e a organización buscou un horario que fora flexible para tod@s (17:30 horas en Arxentina)”.