Festas programa unha Cabalgata deconstruída pola zona urbana e as parroquias

173

O martes, 5 de xaneiro, Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán todas as parroquias e todos os barrios e o centro urbano dende as 11.00 até as 21.00horas, cunha comitiva que circulará vagarosa pero que non parará nin repartirá caramelos. 

A Concellaría de Festas que dirixe Carme da Silva xa ten todo listo para recibir aos Reis Magos de Oriente o vindeiro martes, 5 de xaneiro, en perfectas condicións de seguridade sanitaria, tal e como requiren os tempos. A Concellaría mantivo fío directo cos Reis para garantir que os nenos e nenas de Pontevedra puidesen velos, aínda que nesta ocasión non se poderá facer a recepción real tradicional do Pazo de Mugartegui nin a Cabalgata, polo que lle pide aos cativos e cativas que envíen canto antes as cartas ás súas maxestades de Oriente.

A Concellaría de Festas ten previsto facer unha Cabalgata deconstruída polo rural e polo ámbito urbano. En ambas zonas, os Reis Magos estarán polas rúas e estradas dende as 11.00 da mañá até as 21.00 horas (cunha pequena parada na comida para que as súas maxestades repoñan forzas).

No rural, Melchor, Gastar e Baltasar irán en coches escoltados pola Policía Local que fará soar as súas sereas para advertir aos cativos e cativas do rural que os Reis están pola zona. A comitiva fará un percorrido de mañá polas parroquias de Alba, Verducido, Santo André e Santa María de Xeve, Monte Porreiro, Bora, Campaó, Cerponzóns e Lérez. Pola tarde, a partir das 16.00 horas, estarán nas parroquias do sur: Canicouva, Ponte Sampaio, Lourizán, Marcón, Mourente, Salcedo e Tomeza.

A comitiva real non se parará (pero irá a pouca velocidade) nin repartirá caramelos como na tradicional cabalgata urbana, xa que non está permitido polas autoridades sanitarias.

Na cidade

Na cidade, Melchor, Gaspar e Baltasar percorrerán todas as rúas e barrios sentados nos seus tronos feitos ex professo para esta ocasión, dende as 11 até as 21.00 horas. Ao igual que nas parroquias irán escoltados pola Policía Local que fará soar as súas sereas advertindo de que se achegan as súas maxestades.

A comitiva circulará a un ritmo moi lento pero non se parará en ningún momento nin repartirá caramelos, como soe ser tradición.

A Concellaría de Festas pretende con esta Cabalgata deconstruída que todos os cativos e cativas de Pontevedra poidan ver a tan agardados persoeiros e que teñan a garantía de que o día 6 terán os agasallos nas súas vivendas porque Melchor, Gaspar e Baltasar non se esqueceron de Pontevedra.