A Concellaría do rural realiza obras de mantemento en todas as parroquias durante o Nadal

65

Muros de contención en Verducido, drenaxes en Canicouva, recollida de pluviais en Tomeza, bacheos en Campañó, Santo André de Xeve, Lérez… son algunhas das obras en marcha nestas primeiras semanas de servizo.

O contrato de sostemento dos espazos públicos do rural entrou en funcionamento no mes de decembro por máis de un millón de euros. Atenderá a pequenas indicencias e urxencias nas parroquias durante os vindeiros 3 anos.

A Concellaría do rural mantén a actividade nestas Nadal a través do contrato de sostemento dos espazos públicos rurais que se puxo en marcha neste mes de decembro. Nestas primeiras semanas do contrato, que xestionan os concelleiros Alberto Oubiña e Pilar Comesaña, estanse atendendo pequenas incidencias e deficiencias en todas as parroquias, como por exemplo, Verducido, Campañó, Tomeza, Ponte Sampaio, Canicouva, Santo André de Xeve, Lérez…

A empresa E.C.Casas, adxudicataria deste contrato por valor de 1.082.948,79 euros por un prazo de 3 anos, ten a orde de actuar con rapidez, precisión e eficacia en pequenas incidencias e reparacións, que aínda que pola súa envergadura poidan non parecer importantes, repercuten no día a día dos veciños e veciñas das parroquias.

Nestes momentos trabállase facendo muros de contención en Verducido, drenaxes en Cacheiro (Canicouva), recollida de pluviais en Tomeza, retirada de pedras sobre as vías municipais en Acevedo (Ponte Sampaio), bacheos en Corredoira (Campañó) onde tamén se están a facer limpeza de beiravías ao igual que na Canicouva; bacheos en Santo André de Xeve en fronte a Apipolis e tamén na Gándara, na parroquia de Lérez.

Ao igual que o contrato de sostemento de vías públicas na zona urbana é indispensable para ter en perfecto estado de uso os espazos públicos na cidade, este contrato rural tamén busca o mesmo efecto, sempre tendo en conta as peculiaridades do rural pontevedrés.

Son estes os labores atribuídos a este contrato: bacheos, reparacións de pavimentos, sinalizacións horizontais e verticais, pintados, balizamentos, rozas, limpezas, retirada de entullos caídos ás vías municipais ou melloras na rede de augas pluviais, entre outras actuacións.