A campaña (en)Volve permitirá que 633 nen@s e adolescentes reciban agasallos na noite de Reis

14
  • O programa solidario de Nadal impulsado pola Concellería de Benestar Social de Pontevedra e a Fundación Meniños foi posible grazas á colaboración desinteresada de 711 cómplices

Os 711 cómplices que colaboraron de xeito desinteresado na campaña solidaria (en)Volve, impulsada pola Concellería de Benestar Social e a Fundación Meniños, farán posible que 633 nenos, nenas e adolescentes en situación vulnerable de Pontevedra reciban un agasallo na noite de Reis. O traballo de reparto realizado dende a Casa Azul permitiu que a totalidade dos agasallos xa foran entregados xusto a tempo para que aqueles que se portaron ben (e tamén aqueles que o fixeran un pouco peor) teñan o seu presente agardando ao espertar o día 6 de xaneiro.

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, amosouse “orgulloso e emocionado da enorme solidariedade que, mesmo en situacións tan complexas como a que estamos a atravesar, agroma entre os cidadáns de Pontevedra sempre que se precisa deles”. “Que o número de cómplices supere con bastante diferencia ao número de cartas recibidas xa fala por si mesmo do éxito dunha campaña que fará posible que a ilusión da máxica noite de Reis chegue tamén aos que máis precisan de ilusión”, sinala o edil socialista.

Segundo unha enquisa efectuada por Meniños entre os cómplices sobre os niveis de satisfacción da campaña (en)Volve, o 87% dos colaboradores puntúa a iniciativa cun 10 e o 98% asegura que lle gustaría participar no programa municipal tamén en 2021-2022.