O III Torneo de Reis reunirá na cidade a varios dos mellores atletas de Galicia e suporá o regreso ás pistas da fondista Julia Vaquero trala súa retirada en 1999

21
  • Uns 220 atletas daranse cita mañá no Centro Galego de Tecnificación Deportiva para participar nesta proba organizada polo Club Atletismo Rías Baixas e a Concellería de Deportes

Uns 220 atletas de toda España daranse cita mañá nas pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra nun evento que suporá un espectacular pistoletazo de saída á tempada 2021. A proba organizada polo Club Atletismo Rías Baixas e a Concellería de Deportes en colaboración co Grupo Jim Sports, Dibay Eventos e a Federación Galega de Atletismo (FGA) reunirá na cidade a boa parte da elite nacional en tódalas categorías (Joselyn Brea, Marta Casanova ou Sandra Mosquera entre elas) e suporá o regreso ás pistas a unha das mellores fondistas españolas de sempre, Julia Vaquero, despois da súa retirada tralo Mundial de Sevilla de 1999. 

O debut da plusmarquista nacional de 5.000 metros (en 1996 en Oslo), que terá lugar ás 10:10 horas en 3.000 metros en categoría Máster, non será o único agasallo que traerá consigo este xa clásico Torneo de Reis. Así, David Vicente, o atleta de tan só 16 anos formado no Rías Baixas vivirá un día moi especial na súa curta e prometedora carreira atlética ao estrearse co seu novo club, o Playas de Castellón, na modalidade de 60 metros vallas.

Salto de lonxitude, vallas, lanzamento de peso e carreiras de 50, 200, 300, 1.000 e 1.500 metros conforman o atractivo programa dun torneo no que, como aconteceu en edicións anteriores, os vencedores de cada proba levaranse como premio o tradicional roscón de Reis. O evento foi presentado esta mañá nas pistas do CGTD nun acto no que participaron o seu director deportivo, Gonzalo Méndez, presidente do Club Atletismo Rías Baixas; o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; e o delegado da Federación Galega de Atletismo (FGA) en Pontevedra, David Ferrer. 

Gonzalo Méndez asegurou que, a pesar das circunstancias e de que a competición non se poida desenvolver con xente, o feito de que se poida celebrar o Torneo de Reis “é xa todo un éxito”, cumprindo cos seus principais obxectivos, que son “pasalo ben e que as mozas e mozos deportistas poidan participar con certa normalidade”. “Vaino ver toda España, xa que a competición será retransmitido online a través da canle de Youtube do Club Atletismo Rías Baixas. Restrinxirase o acceso do público, o quecemento realizarase sempre de forma individual e coa máscara posta, non poderá haber ninguén rodeando a pista (soamente na grada sentados ou na zona de quecemento) e haberá un límite de participación de 16 atletas nas carreiras, 8 na lonxitude e 4 en cada peso nos lanzamentos”, subliñou Méndez.

Uns protocolos que son unha garantía de éxito

O tenente de alcalde salientou “o éxito dos protocolos de prevención que o Club Atletismo Rías Baixas está a aplicar e que son sen dúbida un modelo a seguir para outros eventos” e lembrou que este Torneo de Reis “é posible grazas á paixón e traballo de Gonzalo Méndez, o persoal de Deportes e os 14 voluntarios que se encargarán de vixiar as diferentes zonas e de controlar cuestións como que todo vaia fluído e ninguén veña antes da súa hora a correr”. Tino Fernández agarda que esta competición se converta na antesala “de todo aquilo que queremos traer a Pontevedra ao longo de 2021”.

O presidente do Club Atletismo Rías Baixas subliñou a importancia de que se continúen celebrando eventos como este, “xa que non nos podemos permitir perder a toda unha xeración de talentos”, e tamén da noticia que supón a volta ás pistas de Julia Vaquero, unha das mellores atletas de España de tódolos tempos que “leva uns anos con bastantes problemas e que precisa moita axuda”.