O peche ao tráfico da rúa Alfonso XIII será efectiva a partires de mañá

33
  • Colocaranse bolardos no extremo da rúa que linda coa praza Concepción Arenal, mentres que no cruzamento coa rúa Echegarai se colocará un sinal advertindo das restricións 
  • A medida responde a unha solicitude dos colexios Froebel e Doroteas para utilizar Alfonso XIII e parte da praza de Concepción Arenal como patio escolar 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías vén de anunciar que a partires de mañá farase efectivo o peche ao tráfico da rúa Alfonso XIII para que os colexios Froebel e Doroteas poidan utilizar esta rúa e parte da praza Concepción Arenal como patio de escolar. 

Tal e como estaba previsto, o peche de Alfonso XIII ao tráfico implica que durante os tres cuartos de hora do recreo, entre as 11:30 e as 12:15h, non poderá acceder ningún vehículo a esta rúa e o resto da xornada quedará habilitada para a entrada e saída de residentes e para servizos desde a  rúa Echegarai. Para facelo efectivo, colocaranse bolardos no extremo da rúa que linda coa praza Concepción Arenal, mentres que no cruzamento coa rúa Echegarai se colocará un sinal advertindo das restricións. Ademais, durante os primeiros días reforzarase esta medida coa presenza de efectivos da Policía Local para informar a condutores das restricións que entran en vigor.

Convén lembrar que esa medida responde a unha solicitude dos dous centros educativos , Froebel e Doroteas, que carecen de espazos axeitados para que o alumnado poida saír ao exterior durante o descanso das aulas respectando as medidas de seguridade esixidas por mor da Covid.