Un grupo de deportistas da Sociedade Ximnástica recoloca as pasarelas de madeira que foran arrastradas polas enchentes do río dos Gafos

195
  • O tenente de alcalde, Tino Fernández, explica que o labor realizado polos voluntarios permitiu deixar novamente operativo, en perfectas condicións, o itinerario 6 da ‘Rara, pero San Silvestre’

Un grupo de deportistas vencellados á Sociedade Ximnástica e de voluntarios da ‘Rara, pero San Silvestre’ desprazouse esta mañá ata as inmediacións da Ponte Valentín, nas marxes do río dos Gafos, para recolocar nos seus sitios habituais dúas pasarelas de madeira que foran arrastradas polas enchentes que as precipitacións provocaran no afluente en días pasados. Ámbalas plataformas foron trasladadas dende o lugar nas que as deixaran as riadas e asentadas de novo nas súas ubicacións correspondentes do xeito máis sólido posible, de xeito que os sendeiros volven estar operativos en boas condicións.

As pasarelas recolocadas facilitan o paso por enriba de varios regatos que conflúen no Gafos, e aínda que a súa descolocación non facía totalmente inoperativa a senda, si que dificultaba moito o paso. De feito, o incidente que afectou á plataforma máis grande provocou que os cidadáns se visen obrigados a empregar un itinerario alternativo que discorre adxacente a un cano de abastecemento dun muíño próximo. O traballo de deportistas e voluntarios permitiu que as dúas pasarelas quedaran operativas en pouco tempo e que, minutos despois, foran xa empregadas por unha nai e a súa Filla que paseaban polo lugar.

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, agradeceu “o labor realizado de xeito desinteresado pola Ximnástica”, lembrando que, tras esta actuación, “queda tamén operativo o itinerario número 6 da ‘Rara, pero San Silvestre’, que nese punto presentaba problemas de continuidade, especialmente para persoas pouco afeitas ao sendeirismo de certa dificultade”. Este roteiro, de 4,8 kilómetros de lonxitude, percorre o treito máis natural da senda do río dos Gafos, entre as estacións de tren e autobuses e a ponte de Leira Longa, na parroquia de Tomeza.