Tres millóns de euros para completar o saneamento de Santa María de Xeve

36

Este último proxecto para a parroquia atenderá a 168 vivendas de Igrexa, Couso, Gatomorto, Frieiro e Fontáns. É dicir, un custe duns 18.000 euros por vivenda.

A Xunta de Goberno tomou coñecemento do novo proxecto de saneamento en Santa María de Xeve co que se remataría a conexión de toda a parroquia á rede xeral de sumidoiros. Trátase dun investimento de 2.973.829,63 euros que dará servizo a 168 vivendas, é dicir, é unha achega de 18.000 euros por vivenda. Esta actuación completarase coa conexión do novo campo de fútbol á rede xeral de saneamento.

O último proxecto de Santa María de Xeve atenderá aos lugares de Igrexa, Couso, Gatomorto e Frieiro. Nestes lugares xa se ten instalada parte da rede, pero agora completarase até chegar á zona de Fontáns, que non dispón deste servizo.

Segundo explicou esta mañá a portavoz do Goberno, Anabel Gulías, trátase dun proxecto “moi ambicioso” ao que tamén habería que imputar os gastos previos realizados para a creación do colector da rede xeral. Tamén salientou o ambiente colaborativo cos veciños e veciñas da parroquia cos que se estivo a facer xuntanzas para mellorar o trazado da rede de sumidoiros. De feito, autorizouse o paso por 27 parcelas privadas.

Esta actuación implementarase cun proxecto de menor contía para a conexión do novo campo de fútbol de Santa María de Xeve, que na actualidade está dotado cunha fosa séptica. Existía unha preocupación por parte da veciñanza xa que na zona existen varios mananciais e esa fosa séptica estaba próxima a eles.

Este último proxecto de saneamento para conectar a parroquia de Santa María de Xeve ten un prazo de execución de 18 meses.

Completar a rede de sumidoiros do rural é unha das liñas prioritarias de actuación do Concello enmarcada no medio ambiente e no Efecto PO2.