A reforma da praza de Barcelos esperta o interese da comunidade escolar

42

O concelleiro Demetrio Gómez mantivo un encontro con representantes da Anpa e do Claustro, aos que lles pediu que definisen as necesidades do patio escolar, que está por concretar.

Dende o centro interesáronse polos espazos de xogo dos nenos e nenas, as zonas verdes, polo o inicio das obras e, incluso, como veciños pediron que se estenda a compostaxe.

O Concello de Pontevedra iniciou esta tarde o proceso de participación do ambicioso proxecto de reforma da praza de Barcelos. O concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez mantivo unha reunión con representantes da Anpa e do Claustro do centro para presentarlles a remodelación. A súa opinón é fundamental dado que existe unha parte do proxecto pendente de concretar co colexio porque é o seu patio escolar.

Demetrio Gómez resaltou que a reunión transcorreu nun “moi bo ambiente”. Os representantes escolares amosáronse preocupados polo espazo destinado aos cativos e cativas, polas zonas verdes da praza, e tamén polo novo parque infantil por se vai ser un espazo aberto ou pechado. O proxecto contempla que estará pechado na fachada da rúa e aberto de cara á praza.

O concelleiro fíxolles chegar o proxecto e en próximas datas comprometéronse a presentarlle melloras, especialmente aquelas relativas ao patio escolar, que non veñen definidas directamente no proxecto á espera das necesidades do centro.

Tamén preguntaron polos prazos: cando se ía empezar e a rematar e o tempo de duración das obras. Demetrio Gómez explicou que nestes momentos estase nunha fase previa ao inicio da contratación do proxecto.

Ademais de como representantes escolares, algúns asistentes que son veciños da praza solicitaron que se estenda a compostaxe a esta zona da cidade.

Demetrio Gómez ten previsto seguir mantendo estes encontros sectoriais para presentar o proxecto de Barcelos, xa que a normativa sanitaria non permite encontros de moitas persoas. Deste xeito, o vindeiro martes, 19 de xaneiro, está programada unha reunión coa Asociación Amizade e outra coa Federación de veciños Castelao que solicitaron a reforma da praza de Barcelos nos orzamentos de 2020.

Na reforma da praza de Barcelos, as áreas infantís trasládanse cara a unha zona máis central da praza e duplícase o espazo dedicado a este uso, establecendo dúas zonas de xogos. Tamén se cambia de lugar e se incrementa o espazo dedicado a usos deportivos que, ademais das pistas, contemplan mesas para a práctica de tenis de mesa. Tamén se incrementan as zonas de sombra e as zonas verdes, coa instalación dunha pérgola central e o redeseño das áreas arboradas. No borde norte, isto é, a carón do muro de Santa Clara, mantéñense os plátanos centenarios, plántanse novas árbores e créase unha zona de paseo e estancia, cunha senda peonil, desde a que parte unha pradería verde que se extende practicamente ata o centro da praza. 

De cara a favorecer os usos comerciais dos negocios instalados actualmente no perímetro da praza, redeseñouse toda a circulación perimetral da praza. Isto supón a ampliación das beirarrúas, sobre todo no borde sur por ser onde se atopan os negocios de hostalería, de cara a propiciar a instalación de terrazas. Tamén se tivo en conta, no deseño xeral, que os escaparates dos negocios fosen visibles desde a propia praza. En canto aos aparcadoiros de servizos, quedarán colocados na beirarrúa oposta á que linda co negocio para interferir o menos posible na súa actividade. En canto ao tráfico, manterase un único carril con entrada desde a rúa Perfecto Feijoo e saída cara a rúa Cobián Roffignac. Manteranse as actuais entradas e saídas do parking soterrado e desaparecerá a circulación desde a rúa Benito Corbal cara a rúa San Antoniño.

Cabe lembrar que o proxecto de reforma da praza de Barcelos ascende a 5.792.987 euros.