Pontevedra reinventa o entroido en época de Covid

57

O Concello renuncia a facer actos masivos: desfile, murgas, comparsas, parodia… pero o entroido contará con Ravachol, que este ano será indultado e non acabará pasto das lapas.

Festas traballa en crear exposicións ou similares nas que se recorde a memoria histórica do entroido.

A Concellaría de Festas traballa nestes días na elaboración dun programa distinto para o Entroido 2021 no que non faltará Ravachol, e que terá como fío condutor a memoria histórica do carnaval na rúa. Carme da Silva, concelleira de Festas, recoñece que este ano será un entroido “diferente e triste no que recordaremos o que esta situación tan dura non nos permite facer”.

Con esta premisa, a concelleira de Festas, Carme da Silva adiantou esta mañá que a Asociación Recriativa de Xeve está confeccionando a Ravachol cumprindo con todas as medidas sanitarias. Con carácter excepcional, Ravachol non será “sacrificado” nesta ocasión.

O protagonista do Entroido pontevedrés é o único elemento que se manterá da tradicional festa de carnaval da cidade do Lérez. Non haberá nin desfile, nin murgas, nin comparsas… Carme da Silva lembrou que son actividades que congregan a miles de persoas nas rúas (tanto as que participan como as que asisten como espectadores) nun momento en que está totalmente prohibida esta aglomeración. Ademais, tamén apuntou que todos estes grupos participantes, integrados moitos deles por máis de 20 persoas, non se están a reunir debido ás prohibicións sanitarias, para poder ensaiar, confeccionar traxes…

Carme da Silva indicou que nos vindeiros días dará a coñecer distintas actividades que promocionará o departamento que dirixe sobre o entroido. Serán propostas que tratarán de recuperar a memoria histórica do entroido na cidade, e que non suporán a congregación de persoas.

Estas exposicións e similares tamén servirán para facer unha homenaxe a todas as persoas que ano tras ano participan no entroido pontevedrés.