A San Silvestre máis rara clausura hoxe un mes de actividade física con máis de 10.000 kilómetros completados e 1.010 participantes

29
  • O tenente de alcalde, Tino Fernández, considera “un éxito acadar este nivel de participación cidadá nun contexto de pandemia e cun tempo pouco agradable en boa parte das xornadas”
  • Fernández avanza a súa intención de que o MetroSilvestre elaborado para a proba se converta en “xermolo dunha rede de itinerarios urbanos para a promoción da actividade física ao aire libre”

A ‘Rara pero San Silvestre’ chega hoxe ao seu fin cumprindo co seu principal obxectivo: manter a ilusión desta ‘clásica’ e promover a actividade física en familia. Para o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, o balance do programa é “moi positivo”, xa que se pode cualificar como “un éxito acadar o nivel de participación que se acadou, con 1.010 persoas inscritas e máis de 10.000 kilómetros percorridos, nun contexto de pandemia e no que hai que lembrar ademais que a maior parte dos días fixo un tempo moi pouco agradable para calquera actividade ao aire libre, dato especialmente importante para públicos familiares”.

No seu balance da San Silvestre máis peculiar e emotiva, que incluíu unha exposición fotográfica da proba dende as súas orixes e que reuniu na ‘saída’ do 31 de decembro ao seu primeiro gañador, Estanislao Calvo, o atleta que máis veces a gañou, Víctor Riobó, e a vencedora da edición de 2020, Candela Sánchez, o edil socialista considera que “se ben o número de participantes está moi lonxe dos arredor de 7.000 participantes da última San Silvestre convencional, esta modalidade ‘rara’ non ten apenas coincidencias coa carreira de fin de ano”. “Tanto a Sociedade Ximnástica como o Concello de Pontevedra agradecen as mostras de cariño transmitidas por numerosas persoas durante este mes de San Silvestre ininterrompida. Coidamos que, dadas as circunstancias, houbo unha moi boa acollida, con máis de 1.000 persoas dadas de alta no sistema de participación”, subliña Tino Fernández. 

Cada un dos inscritos fixo de media algo máis de dous circuítos e, ademais, houbo case 300 rexistros en modalidade libre, é dicir, persoas que fixeron actividade física fóra dalgún dos 10 circuítos), que fixeron en total case 2.700 kilómetros. Case a metade das persoas inscritas apuntáronse na primeira semana do programa, o 24% na segunda, o 20,5% na terceira e algo máis do 5% na última.

O circuíto máis utilizado foi o número 1, que discorre pola Illa das Esculturas, cuns 400 rexistros, e o que menos se empregou, cun cento, o 8, o que transcorre polo Parque do Miradoiro. Os itinerarios máis longos, os das sendas dos Gafos e do Lérez, con máis de 8 kilómetros, tiveron 119 e 177 rexistros respectivamente, mentres que o máis curto, entre as pontes do Burgo e As Correntes, foi elixido 300 veces. O máis alonxado da cidade, o do Pontillón do Castro, tivo 144 rexistros.

Unha rede de itinerarios

Unha das moitas novidades que trouxo consigo esta ‘Rara pero San Silvestre’ foi a creación dun MetroSilvestre específico dos itinerarios da proba, inspirado no exitoso Metrominuto, coas distancias en metros e minutos. O tenente de alcalde avanza a súa intención de que este MetroSilvestre se converta “en xermolo dunha rede de itinerarios a través da cal se poida promover a actividade física entre a cidadanía pontevedresa”. “Queremos desenvolver un programa neste sentido, poñendo en valor os fermosos sendeiros naturais que temos a dous pasos do centro urbano e fomentando un estilo de vida saudable neste concello”, sinala o concelleiro do PSOE.