O Concello completa a información sobre compostaxe nos centros comunitarios

10

Os 25 centros comunitarios dispoñen de nova sinalización sobre como se debe compostar, que residuos se poden depositar e como se deben tratar no composteiro de achega e no caixón de estruturante.

Esta información completarase nun futuro próximo coa sinalización de cada centro de compostaxe.

O departamento encargado da xestión dos residuos urbanos, que dirixe Raimundo González, continúa a mellorar o programa de tratamento dos biorresiduos no Concello coñecido co nome “Composta”. A Concellaría vén de instalar unha nova sinalización informativa nos centros de compostaxe comunitaria da cidade para clarificar que é cada elemento que integra estes centros e cal é a función de cada un deles.

Trátase de vinilos colocados tanto nos caixóns de estruturante como nos composteiros de achega (o aberto aos veciños e veciñas nos que teñen que depositar os restos orgánicos) que informan de como hai que realizar o proceso de compostaxe para obter un resultado de altísima calidade como vén sendo habitual.

Nos caixóns de estruturante infórmase de que non se debe depositar nestes espazos os restos orgánicos. Alí está o estruturante que se debe botar no composteiro de achega, marcado cunha folla de cor verde, cubrindo sempre os restos orgánicos que se acaben de depositar.

No composteiro de achega tamén se colocaron novos carteis indicando cal debe ser o procedemento nel. As bolsas compostables que se depositen teñen que estar abertas (incluso rotas e cos restos ciscados) para un mellor tratamento do lixo; e non se deben botar bolsas de plástico. Tamén recolle que os restos orgánicos teñen que cubrirse con igual cantidade de estruturante. 

E fai, finalmente, unha aclaración sobre os restos que se poden e os que non se poden compostar, facendo unha clara división entre Si e Non.

O departamento que dirixe Raimundo González continuará a mellorar a sinalética dos 25 centros de compostaxe comunitaria da cidade para ofrecer unha información clara e concisa a todos os veciños e veciñas de Pontevedra que queiran formar parte desta iniciativa que cada día é máis demandada.