A Policía Local aumentará o rigor na vixilancia para que bicicletas e VMP circulen polas calzadas

25
  • O Concello dá por rematada a fase informativa sobre a obrigatoriedade de que este tipo de vehículos non circulen polas beirarrúas nin por outros espazos de uso exclusivamente peonil
  • As sancións por non cumprir esta norma sitúanse entre os 200 e os 500 euros 

Coa entrada en vigor da Ordenanza de Mobilidade Amábel o pasado mes de outubro e da nova normativa estatal o pasado 2 de xaneiro, as bicicletas e vehículos de mobilidade persoal deben circular, con carácter xeral, pola calzada e respectando as velocidades e os sentidos de circulación. Así mesmo, teñen prohibida a circulación por beirarrúas e demais zonas reservadas a uso exclusivamente peonil, como pasos de peóns, paseos ou parques; mentres que polas zonas de cohexistencia poderán circular pero sempre respectando a velocidade das persoas e sen causar ningún perigo.

Co obxecto de vixilar o cumprimento destas normas, que centraron a campaña de difusión ‘Pontevedra Suma’ durante o mes de novembro, a Policía Local “aumentará o rigor e coidará expresamente que se cumpran as novidades punitivas”. Anunciouno esta mañá a concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde, quen asegurou que esta vixilancia se activa “desde xa” e co obxectivo “de consolidar” a nova normativa.

A concelleira lembrou que a Ordenanza municipal de aprobou “coa idea de mellorar a mobilidade das persoas e de conseguir unha rúas máis ordenadas e seguras e isto significa que a partir de agora se aumentará o rigor na vixilancia para garantir a perfecta convivencia entre persoas e vehículos, neste caso bicicletas e VMP”. Neste sentido, asegurou que tras a fase de divulgación informativa e didáctica e tras deixar pasar o Nadal, “queremos que a veciñanza e usuarios e usuarias destes vehículos sexan conscientes desta nova situación”.

Tamén lembrou que as sancións por incumprir esta norma son de 200 euros pero que poderían agravarse ata os 500. Eva Vilaverde explicou que, durante o pasado ano e antes da entrada en vigor da nova normativa, tan só impuxeron multas a bicicletas e VMP en tres “situacións flagrantes”. A primeira sanción corresponde a unha bicicleta que se saltou un semáforo en vermello na rúa Rosalía de Castro no mes de marzo, a segunda a unha bicicleta que circulaba pola beirarrúa en Eduardo Pondal no mes de maio, e a terceira a un VMP por dar positivo en alcolemia na praza da Verdura en outubro. Nos dous primeiros casos, as persoas infractoras foron multadas con 200 euros, e o terceiro con 1.000 euros.

Por último, Eva Vilaverde asegurou que a aplicación da Ordenanza Municipal “é un chanzo máis na consolidación dos estándares de seguridade e calidade de vida e na calidade urbana na nosa cidade”. Neste sentido, explicou que “a cidade non deixa de ser como unha máquina pero toda máquina precisa coidados constantes, e a Policía Local colabora nesa engranaxe para que a máquina da cidade de Pontevedra siga funcionando ben e se manteña durante moitos anos”.