Amizade coñece o proxecto de Barcelos e interésase pola accesibilidade

41

O concelleiro Demetrio Gómez mantivo un encontro con Paulo Fontán que se comprometeu a estudar o proxecto e a facer achegas.

A Asociación Amizade coñeceu esta mañá o proxecto de reforma da praza de Barcelos nun encontro telemático no que participaron o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez e o responsable da entidade social, Paulo Fontán. O concelleiro entregoulles a documentación da obra, e o representante de Amizade comprometeuse a estudar ben o proxecto e a facer as achegas que consideren oportunas.

Neste primeiro encontro, Paulo Fontán interesouse polo mobiliario urbano e pediu que se definisen no proxecto de execución as prazas de estacionamento adaptadas. A reunión centrouse, sobre todo, nas medidas de accesibilidade propostas na reforma: pavimentos continuos de formigón, percorridos peonís accesíbeis, marcado dos itinerarios accesíbeis para as persoas con deficiencias visuais…

Amizade ofreceuse a estudar o proxecto básico e a facer as achegas que consideren oportunas para melloralo dende o punto de vista da accesibilidade. O concelleiro Demetrio Gómez ofreceuse a manter outro encontro se o consideran necesario.

O proxecto

Na reforma da praza de Barcelos, as áreas infantís trasládanse cara a unha zona máis central da praza e duplícase o espazo dedicado a este uso, establecendo dúas zonas de xogos. Tamén se cambia de lugar e se incrementa o espazo dedicado a usos deportivos que, ademais das pistas, contemplan mesas para a práctica de tenis de mesa. Tamén se incrementan as zonas de sombra e as zonas verdes, coa instalación dunha pérgola central e o redeseño das áreas arboradas. No borde norte, isto é, a carón do muro de Santa Clara, mantéñense os plátanos centenarios, plántanse novas árbores e créase unha zona de paseo e estancia, cunha senda peonil, desde a que parte unha pradería verde que se estende practicamente ata o centro da praza. 

De cara a favorecer os usos comerciais dos negocios instalados actualmente no perímetro da praza, redeseñouse toda a circulación perimetral da praza. Isto supón a ampliación das beirarrúas, sobre todo no borde sur por ser onde se atopan os negocios de hostalería, de cara a propiciar a instalación de terrazas. Tamén se tivo en conta, no deseño xeral, que os escaparates dos negocios fosen visibles desde a propia praza. En canto aos aparcadoiros de servizos, quedarán colocados na beirarrúa oposta á que linda co negocio para interferir o menos posible na súa actividade. En canto ao tráfico, manterase un único carril con entrada desde a rúa Perfecto Feijoo e saída cara a rúa Cobián Roffignac. Manteranse as actuais entradas e saídas do parking soterrado e desaparecerá a circulación desde a rúa Benito Corbal cara a rúa San Antoniño. 

Cabe lembrar que o proxecto de reforma da praza de Barcelos ascende a 5.792.987 euros.