- O tenente de alcalde considera que a decisión do conselleiro de Sanidade de suspender as competicións federadas de ámbito autonómico “ratifica as que se adoptaron neste Concello”
- O edil de Deportes lamenta que as medidas sanitarias adoptadas polo seu departamento foran “obxecto dunha campaña de ‘hooliganismo’ político. Coido que alguén debería desculparse”
O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, aplaude que a Xunta de Galicia lle dea “finalmente a razón” coa súa decisión de suspender as competicións de deporte federado autonómico e “admita meses despois que hai que aplicar tamén no ámbito deportivo os criterios xerais de prevención e prudencia que se impoñen para o resto da poboación”. Na súa opinión, o anuncio realizado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que obriga aos nosos deportistas federados a rexerse polas mesmas regras que os convencionais á hora de adestrarse (con adestramentos individuais ou de grupos dun máximo de catro persoas e a suxeición tanto ao toque de queda como ás limitacións de mobilidade, alí onde apliquen), “vén a referendar as medidas sanitarias que foi defendendo este Concello dende un primeiro momento”.
“O que a Xunta está a recoñecer, xa que queremos pensar que estas decisións se adoptan en base a criterios clínicos e non arbitrarios, é que no mundo do deporte tamén se producen contaxios. E se agora se producen, tamén se producían en agosto ou en setembro, cando a determinación da Concellería de Deportes de poñer a saúde por enriba de todo foi obxecto dunha campaña de verdadeiro ‘hooliganismo’ político en medios e redes sociais. Coido que alguén debería desculparse”, asegura Tino Fernández.
En calquera caso, o edil socialista amósase moi satisfeito co anuncio da Xunta e celebra que “a responsabilidade e o sentido común prevalezan sobre os intereses dalgúns que parecen carecer de toda empatía e que queren continuar facendo as cousas como se nada disto estivese a acontecer, como se a pandemia non existise e como se o resto da poboación non estivese a facer sacrificios, económicos e doutro tipo, para que todos poidamos saír disto canto antes”.