Urbanismo inicia a modificación do Peprica para autorizar a reforma dos edificios do Museo na praza da Leña

53

Foi solicitado informe á Consellería de Medio Ambiente e o de servidumes aeronáuticas. En canto cheguen, iniciarase a aprobación do expediente.

A Comisión de Urbanismo tivo coñecemento esta mañá da solicitude da Deputación provincial para modificar o Plan especial de protección, reforma interior e conservación artística do conxunto histórico de Pontevedra (Peprica) na mazá onde se sitúa o conxunto do Museo provincial entre a praza da Leña, Pasantería, Pai Sarmiento, Juan Novás Guillán, Laranxo e padre Luís María. Este proxecto busca habilitar o subsolo deste espazo para musealización.

A reforma do Plan especial do conxunto histórico correspondería ás catro fichas relativas aos edificios Castro Monteagudo, García Flórez, Fernández López e unha edificación auxiliar. Segundo explicou esta mañá o concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, “os edificios están en desuso e non reúnen as condicións de accesibilidade para habilitalos”.

A Deputación traballaba con tres opcións ao respecto dos edificios. A primeira era non restauralos, cousa que foi desbotada; a segunda era unha modificación exterior que non pode realizar xa que dous edificios están declarados BIC e o terceiro ten a máxima protección monumental, que non permite modificar o seu volume. E a terceira opción era empregar o subsolo.

Xaquín Moreda lembrou que o pasado ano o Concello e a Deputación asinaron un protocolo de colaboración no que o Concello cedía á institución provincial o uso do subsolo para musealizar.

Seguidamente, o Concello presentará o expediente ante a Consellería de Medio Ambiente para solicitar informe ambiental, e tamén se requiriu a opinión de servidumes aeronáuticas. Cando se reciban ambos informes, iniciarase o procedemento de aprobación inicial do expediente.

Xaquín Moreda indicou que a reforma destes tres edificios históricos servirá para mellorar a súa accesibilidade e conectabilidade, e ao tempo permitirá gañar espazo dotacional na cidade.

Aproveitando a reforma do Peprica solicitada pola Deputación, o Concello tamén aproveita para introducir cambios no catálogo de obras do plan especial do centro histórico en relación ao artigo 86, adaptándoo á Lei de patrimonio. Esta modificación afectaría a todo o ámbito do Peprica e permitirá resolver algúns desaxustes actuais, xa que o Peprica é máis restritivo que a Lei autonómica.

Dúas novas licenzas de vivenda colectiva

Paralelamente, o concelleiro de Urbanismo tamén dou conta de dúas novas licenzas de construción de vivenda colectiva na cidade. Trátanse de dous edificios que permitirán resolver medianeiras que levan anos desentoando na paisaxe urbana da cidade. É o referido á esquina da rúa Filgueira Valverde con Joaquín Costa onde están previsto construír 11 vivendas, e na rúa Loureiro Crespo, ao carón do xeriátrico, onde está prevista a construción de 9 vivendas.