Marcos Rey preocúpase polo estado de saúde do gato Balín tras ser operado e advirte de que “este acto de falta de humanidade non quedará impune”

61
  • O concelleiro visita na clínica veterinaria ao animal malferido cunha escopeta de balíns no contorno de Juan Carlos I: “Os danos foron graves, pero agardamos que poida recuperarse de todo”
  • O edil socialista avanza que o Concello traballa dende decembro na elaboración dunha ordenanza municipal de benestar animal que establecerá estritas medidas de control as colonias felinas

O concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey, achegouse esta mañá ata a Clínica Veterinaria Mourente para preocuparse polo estado de saúde do gato Balín, atopado malferido tras seren disparado cunha escopeta de proxectís no contorno da avenida de Juan Carlos I. O socialista asegurou que “aínda que os danos foron moi graves, deixándolle unha das patas absolutamente esnaquizada, a operación saíu ben e agardamos que poida recuperarse por completo das feridas e fracturas”. 

Como xa fixeran os responsables do colectivo Difusión Felina, Marcos Rey volveu pedir colaboración cidadá para dar co autor “deste acto de falta de humanidade e de extrema crueldade, que só pode ser obra dunha mente perturbada e que non ten ningún tipo de xustificación”. “Faremos todo o que estea nas nosas mans para identificar ao autor ou autores e que non lles caiba a menor dúbida de que este feito non quedará impune”, subliñou o responsable de Benestar Animal.

O edil do PSOE lembrou que o artigo 39 da Lei 4/2017 de Protección e Benestar dos Animais de Compañía contempla multas de entre 501 e 5.000 euros por sancións graves, “entre as que se inclúen maltratos que lles causen dor, sufrimento ou danos”. Asemade, avanzou que o seu departamento está a traballar dende finais de 2020 na elaboración dunha ordenanza municipal de benestar animal “que regulará cuestións como a necesidade de que as colonias felinas estean perfectamente definidas e controladas, que só as poidan alimentar persoas autorizadas identificadas con carné ou que se empregue unicamente penso seco para alimentar aos animais e non se esparza polo chan”.