As actuacións de mantemento no rural céntranse nos danos producidos polas chuvias

7
  • No marco do contrato de sostemento de espazos rurais estanse acomentendo arranxos de pequenos afundimentos, reforzo de muros de contención, limpeza de cunetas e bacheos puntuais en puntos de todo o rural pontevedrés  

A Concellaría de Coordinación do Rural, xestionada polo concelleiro Alberto Oubiña, está acometendo nestes días actuacións na rede viaria municipal das parroquias encamiñadas a subsanar os deterioros propios do inverno. Neste sentido, o arranxo de pequenos afundimentos, o reforzo de muros de contención, a limpeza de cunetas e de drenaxes e os bacheos centran os traballos que se están realizando ao abeiro do contrato de sostemento de espazos rurais. 

Paralelamente, tamén se comezaron a executar as obras de maior envergadura que estaban xa previstas e adxudicadas en nove parroquias. É o caso da actuación que se está realizando en Carramal, na parroquia de Salcedo, onde se está levantando un muro de contención co obxecto de dotar de maior estabilidade a plataforma de accesos. Esta obra fora adxudicada á empresa Naturgalia por un orzamento de 33.380,94 euros, co obxecto de dar solución ao risco de desprendemento que se apreciaba nesa pista parroquial e dotala, deste xeito, das necesarias condicións de seguranza viaria.  

No relativo ao contrato de sostemento de espazos rurais, convén lembrar que ten por finalidade acometer de xeito preciso e eficaz, e coa maior rapidez posible, aquelas pequenas actuacións de reparación nas vías e espazos públicos municipais que, a pesares de ser consideradas menores, repercuten en grande medida na vida diaria das veciñas e dos veciños das parroquias.

Así, nestes días estase actuando no lugar de Areás, parroquia de Mourente, onde se está a arranxar un muro de sostemento danado polas chuvias. Unha actuación similar estase realizando en Salcedo, no lugar da Carballa, onde se está a asegurar un muro de bloques e reforzando a súa cimentación. Mentres, no lugar de Cabaleiro, en Campañó, estase actuando nun afundimento nunha pista.

De cara as vindeiras semanas, a previsión de traballos inclúe a reparación dun muro en Pazos, parroquia de Marcón; a actuación nas drenaxes de A Meán – A Costa, na parroquia de Cerponzóns; bacheos en diversos puntos de Lérez como Casaldarado, a contorna do centro de saúde, e Outeiro, onde tamén se arranxará un afundimento. Tamén en Lérez está previsto subsanar un problema nun sumidoiro na entrada de Ramallás.

Estes traballos súmanse ás actuacións xa rematadas nas últimas semanas noutros puntos do rural pontevedrés, como son a limpeza e arranxo de cunetas na Canicouva e en Lourizán, bacheos en Couso e na Gándara, a reparación de bolardos na contorna do colexio de Placeres ou o recheo de alcorques no exterior do centro social de Salcedo.