Os xardíns do centro asociado da Uned estarán en mans do Concello a partir da vindeira semana

25
  • O convenio entre o Consorcio Universitario e a Concellería de Desenvolvemento Sostible para a utilización deste espazo natural como parque urbano público asinarase esta mesma semana
  • Iván Puentes avanza que o plan de posta en valor e apertura da zona verde, que incluirá un novo acceso pola rúa Italia e a conexión co Miradoiro, iniciarase “unha vez aprobados os Orzamentos de 2021”

O Concello e o Consorcio Universitario Centro Asociado á Uned en Pontevedra asinarán esta vindeira semana o convenio que permitirá utilizar publicamente como parque urbano os xardíns do centro docente situado na urbanización de Monte Porreiro. O acordo de colaboración, no que se establece unha cesión para uso mixto do espazo verde compatible co seu aproveitamento pola cidadanía e os estudantes, entrará en vigor dende a sinatura do mesmo (prevista para o venres 29 de xaneiro) e terá unha duración de catro anos, podendo prorrogarse, por acardo expreso das partes, ata un prazo máximo de catro anos adicionais.

En base a este convenio, a Uned tería a obriga de poñer os xardíns a disposición do Concello pola fórmula de cesión de uso e de xeito gratuíto; garantir o uso público e libre acceso dos xardíns coa condición de abrilos e pechalos conforme ao horario do centro, e garantir o acceso libre e permanente dos servizos do persoal municipal ao que corresponderá a seguridade, vixilancia, limpeza, mantemento e conservación, así como dos traballadores das empresas concesionarias ou contratistas que poidan ter asignadas ditas funcións. 

Segundo explica o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, “entre as obrigas do Concello atópanse as de redactar, aprobar e executar o proxecto de axardinamento mediante a dotación de crédito suficiente e axeitada nos Orzamentos; e prestar a seguridade, vixilancia, limpeza, mantemento e conservación do parque, desenvolvendo labores como desbroce e plantación de arborado, xardinería, recuperación de pavimentos e camiños, dotación de mobiliario de lecer e infraestruturas, actividades lúdico-deportivas, recuperación de bens existentes e sinalización de percorridos e elementos singulares”.

“A nosa intención é que este proxecto de posta en valor e apertura do parque da Uned, que incluirá a creación dun novo acceso dende a rúa Italia e a conexión co espazo natural do Miradoiro, se poña en marcha nos vindeiros meses, unha vez que estean aprobados de xeito definitivo os Orzamentos de 2021”, subliña Puentes. 

O edil do PSOE agradeceu “a absoluta disposición e dilixencia do director da Uned, Víctor Manuel González, para facer realidade un proxecto que mellorará de xeito substancial a calidade de vida dos veciños de Monte Porreiro e o sostemento e conservación dos xardíns e das súas especies arbóreas, entre as que se atopan algúns exemplares senlleiros de gran valor”. Asemade, indicou que, aos efectos da axeitada consecución dos obxectivos do convenio, constituirase unha comisión de seguimento integrada por dous representantes, un do Consorcio Universitario e outro do Concello de Pontevedra, sen prexuízo da asistencia (con voz e sen voto) doutras persoas que se consideren necesarias por calquera das dúas partes.