Benestar Social pon en marcha uns obradoiros de prevención de condutas aditivas nos institutos de Pontevedra

20
  • O programa está dirixido a estudantes de 1º e 4º da ESO e ciclos de FP e abrangue tanto adiccións a substancias como aquelas de comportamento: móbil, apostas, xogo online ou compras

A Concellería de Benestar Social vén de poñer en marcha uns obradoiros de prevención de condutas aditivas que se impartirán nos institutos da nosa cidade ata o mes de xuño. Os talleres están dirixidos a estudantes de 1º a 4º curso da ESO e de ciclos de FP e neles trabállanse tanto adiccións a substancias, como o tabaco, o alcol ou o cánabo, como aquelas de carácter comportamental: entre elas, Internet, o teléfono móbil, o xogo online, as apostas ou as compras compulsivas.

Os obradoiros, iniciados esta mañá no IES Valle Inclán, enmárcanse nas accións educativas que desenvolve o Plan Municipal de Prevención de Condutas Aditivas en colaboración coa Consellería de Sanidade. Para afondar nas características das diferentes adiccións, cada grupo de aula recibirá unha formación de catro sesións de 50 minutos de duración, adaptada á súa idade e onde se desmontarán mitos, analizaranse os patróns de consumo e as estratexias publicitarias das diferentes marcas, abordaranse as consecuencias do consumo ou mal uso e reforzarase a actitude crítica para facer fronte á presión grupal.

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, explica que “as sesións son impartidas por educadores/as expertos en prevención de condutas aditivas e cunha gran bagaxe no traballo de grupo”. “Este ano -subliña o edil socialista-, pola situación actual de pandemia, vaise reforzar o bo uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), xa que hai estudos recentes que poñen de manifesto un incremento de condutas disruptivas vencelladas con este tema, e tamén se tratará a importancia do tipo de lecer na prevención da Covid-19”.

Neste mesmo sentido, Rey sinala que os obradoiros se levan a cabo a través de dinámicas participativas “nas que se respectan tódolos protocolos e nas que, ao contrario que en anos anteriores, non se traballa en grupo, senón mediante vídeos, debates…”. Segundo apunta, ademais do Valle Inclán, outros sete centros educativos xa confirmaron a súa participación no programa do Concello: os IES A Xunqueira I, A Xunqueira II, Frei Martín Sarmiento, Luis Seoane, Sagrado Corazón e Plurilingüe de Praceres. Non obstante, está previsto que outros institutos da cidade se sumen aos talleres.

Marcos Rey destaca o longo alcance temporal deste programa preventivo, que leva desenvolvéndose dende hai 21 anos, e o feito de que “esta non é unha intervención illada, senón que dende o Plan Municipal de Prevención de Condutas Aditivas tamén se fan Escolas de Familia, prevención a través do cinema, obradoiros de educación para a saúde destinados ao alumnado de Primaria…”. “O obxectivo -apunta o concelleiro de Benestar Social- é chegar a toda a comunidade educativa dende unha perspectiva integradora”.