O Concello reforza o procotolo Covid ante a situación sanitaria

40
  • O 50% dos e das traballadoras de servizos non esenciais traballarán desde a casa, suspéndense as reunións presenciais e refórzase a atención telefónica  
  • A atención ao público presencial manténse baixo o servizo de cita previa e con estricto control dos protocolos vixentes

O Concello volve a adoptar medidas organizativas internas similares ás que se adoptaran a inicios do estado de alarma, no pasado mes de marzo, ante o empeoramento da situación sanitaria. “O obxectivo fundamental é a seguridade dos traballadores e traballadoras para garantir a actividade municipal e a atención ao público” asegurou esta mañá a portavoz do Goberno, Anabel Gulías.

A decisión tomouse nunha xuntanza que tivo lugar a primeira hora deste luns e na que participaron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o tenente de alcalde, Tino Fernández, a concelleira de Persoal, Carme Fouces, a concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde, os catro directores xerais, o secretario, e o técnico de Prevención de Riscos Laborais. 

Deste xeito, vólvese á división inicial de servizos esenciais e non esenciais, e a promover que o 50% dos traballadores e traballadoras dos servizos non esenciais traballen desde a casa utilizando sistemas de acceso remoto. 

En todo caso, manterase a atención ao público presencial aínda que se recomenda facer o maior número de trámites posible de xeito telemático e telefónico. Neste sentido, Anabel Gulías lembrou que nos últimos meses “fixemos un esforzo investidor grande para adaptar os espazos de traballo sobre todo os que tiñan maior afluencia de público, como Rexistro e Padrón”, así como a posta en marcha do sistema de cita previa que permite espaciar a presenza de persoas que acuden ás distintas dependencias municipais e garantir o cumprimento estrito dos protocolos de seguridade. 

En canto aos servizos de emerxencia, Bombeiros e Policía Local, establécense diferentes mecanismos de seguridade, como as entradas escalonadas ao posto de traballo, quendas estancas e grupos burbulla.

Ademais, no control de saúde anual aos funcionarios e funcionarias este ano incluiranse as probas de antíxenos.

Man tendida para garantir a saúde pública

“Seguimos coa man tendida porque é o momento de garantir a saúde pública” asegurou Anabel Gulías a respecto do ofrecemento do Concello de Pontevedra para “colaborar para traballar nun modelo que abarque a todas as Administracións” e lembrou que “o noso compromiso poñer a mesma cantidade porcentual de recursos que a Xunta da Galicia”.

Neste sentido, volveu pedir “que se volva a reconsiderar o confinamento con dúas cuestións que nos parecen de extrema necesidade: insistir no reforzo da Sanidade Pública e segundo vincular este confinamento con un plan de axudas a todos os sectores afectados seguindo os diferentes modelos que están funcionando en Europa”.

Insistiu en que “na situación tan dramática que se nos vén por diante é necesario reforzar todo o que poidamos as medidas individuais pero tamén é o momento de dar un paso á fronte e buscar todos os medios ao noso alcance para garantir a seguridade de Galiza e a de Pontevedra”.