Comezan as obras da rede de abastecemento de Tomeza

27
  • Trátase da ampliación da rede desde a ETAP de Lérez á parroquia de Tomeza, e conta cun investimento de máis de 1,5 millóns de euros
  • Esta rede dará servizo a 320 vivendas dos lugares de O Marco, Casal do Río, O Alcouce, O Pombal, Lusquiños, San Pedro e O Pobo

Mañá mércores, 27 de xaneiro, está previsto que dean comezo as obras da ampliación da rede de abastecemento desde á ETAP de Lérez á parroquia de Tomeza, contemplada no  marco do contrato da auga e cun investimento de 1.554.058,84 euros.

Esta actuación está proxectada para dar servizo a 320 vivendas dos lugares de O Marco, Casal do Río, O Alcouce, O Pombal, Lusquiños, San Pedro e O Pobo, o que supón o abastecemento á maior parte da parroquia. O investimento deste proxecto de ampliación ascende a 4.856 euros por vivenda e non inclúe os lugares de A Carballa, Pumariño e Valadiña, que serán contemplados noutros proxectos.

Convén lembrar que no mes de novembro xa se comezara a executar un pequeno tramo no lugar de Lusquiños, que afecta a 5 vivendas, aproveitando as obras  que se estaban realizando no núcleo de centralidade e evitar ter que levantar o pavimento por segunda vez. 

Esta rede de abastecemento contempla 9,1 quilómetros de canalizacións e pasa por algúns puntos que presentan certa complexidade, como son o tramo de 2,5 quilómetros do Camiño Portugués, o xacemento da necrópole de San Pedro e outros elementos catalogados, así como os 3,6 quilómetros de dúas estradas provinciais: a EP-0002 e a EP-0006.