Educación saca a licitación o proxecto para poñer en marcha o Laboratorio da Infancia

122
  • No marco desta iniciativa contémplase o desenvolvemento de talleres de educación medioambiental, sostibilidade, práctica deportiva, economía circular e vida saudable
  • O proxecto enmárcase dentro da estratexia EDUSI ‘Máis Modelo Pontevedra’ confinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder 2014-2020)

A Concellería de Educación vén de publicar no Perfil do Contratante da páxina web do Concello de Pontevedra (Pontevedra.gal) o anuncio da licitación e o prego de condicións do proxecto para deseñar un Plan Estratéxico Local da Infancia e poñer en marcha un Laboratorio da Infancia que, entre outras accións, promoverá diversos talleres de educación e concienciación medioambiental, práctica deportiva, sostibilidade, economía circular e vida saudable. Segundo apunta o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, as empresas interesadas en elaborar e coordinar este proxecto, enmarcado dentro da estratexia EDUSI ‘Máis Modelo Pontevedra’ do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) confinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder 2014-2020), “dispoñen ata o vindeiro venres 5 de febreiro para presentar as súas ofertas”.

En base á formulación do prego, admítese que unha firma/entidade licitadora se presente a ámbolos lotes sempre que cumpra as condicións de solvencia en cada un deles. Tamén se permite que a mesma licitadora sexa adxudicataria de ámbolos lotes: unha asistencia técnica que permita fomentar, en colaboración cos servizos municipais, un Plan de Acción para a Infancia e un Laboratorio da Infancia (lote 1); e o deseño e execución de accións directas do antedito plan (lote 2)”.

Deste xeito, concrétanse dúas liñas de traballo que estruturan a asistencia e o prego de condicións. Por unha parte, preténdese xerar un taller mestre e un relatorio marco que lideren unha Estratexia Local para a Infancia e un primeiro Plan de Acción cunha serie de medidas priorizadas e accións piloto. O taller e a ponencia marco serán os elementos reitores do Laboratorio da Infancia, mentres que as accións piloto impulsadas por distintas mesas e talleres específicos que, por competencias, se xeren dentro do propio Laboratorio a través de Laboratorios de Ideas. 

Este avance da Estratexia Local para a Infancia e o seu primeiro Plan de Acción crearanse e executaranse de xeito dinámico e cunha alta participación das familias, os diversos actores sociais e os axentes educativos e pedagóxicos, incluídos centros docentes e investigadores da Universidade expertos nesta área. Terá como criterios internos fundamentais os da igualdade de xénero entre mulleres e homes, a igualdade de oportunidades e a inclusión social, a sostibilidade, a promoción das liberdades individuais e dos dereitos humanos e sociais, o comportamento social, a análise crítica, o razoamento e o coñecemento, así como o fomento da innovación”, sinala o tenente de alcalde.

Melloras para colectivos infantís especialmente desfavorecidos

Dentro deste avance fixaranse os obxectivos que se consideren estratéxicos e as liñas de acción para lograr as mellores condicións para os nosos menores. O Plan de Acción deberá dar prioridade a todas aquelas accións e liñas que redunden en melloras de colectivos infantís especialmente desfavorecidos a nivel local, posibilitando a execución inmediata de accións que permitan unha mellor inclusión social e melloren a igualdade de oportunidades de tod@s.

En segundo termo, e en paralelo, quérense implementar accións directas que servan de ferramenta de arrinque ás dinámicas participativas do Laboratorio da Infancia. Ditas accións centraranse en dous obxectivos identificados na Estratexia: 1. A educación e concienciación ambiental, sostibilidade e economía circular; 2. A educación e concienciación deportiva.

No primeiro caso, promoveranse talleres que expliquen os valores do mundo rural, mediante a visita guiada aos parques forestais situados no contorno de Pontevedra, especialmente ao da Fracha (conformado a través da EDUSI con financiamento dos Feder), pero tamén ao resto de espazos e parques forestais da cidade. No que atinxe á educación e concienciación deportiva, potenciaranse os recursos deportivos en conxunción cos naturais, con talleres vencellados á práctica deportiva e á vida saudable: remo/piragüismo no Lérez, escalada no Pavillón da Xunqueira…

O orzamento económico para a contratación do primeiro dos lotes (Asistencia técnica na elaboración e coordinación da Estratexia Local para a Infancia e seguimento do Plan de Acción) ascende a 54.790 euros, mentres que o relativo ao Deseño e Execución das Accións Directas do Plan de Acción é de 78.650 euros.