Pontevedra contará coa primeira beirarrúa pavimentada en aglomerado contínuo

36
  • Trátase da rúa Alcalde García Filgueira, na que se aplicará este tipo de pavimento especialmente deseñado para continuar gañando en accesibilidade, durabilidade e evitar esvaramentos 
  • A área de Mantemento de Espazos Públicos Urbanos inicia a previsión de actuacións deste exercicio centrándose na revisión de itinerarios peonís e continuando coa reposición de firme deteriorado en distintos puntos da cidade

A concelleira de Mantemento de Espazos Públicos Urbanos, Eva Vilaverde anunciou esta mañá, que Pontevedra contará coa primeira beirarrúa pavimentada en aglomerado contínuo deseñado especialmente para seguir avanzando na mellora da mobilidade e da accesibilidade e evitar esvaramentos. Esta actuación probarase na rúa Alcalde García Filgueira, por ser unha rúa en pendente, e enmárcase, segundo explicou Eva Vilaverde, “no traballo de estudo e de busca de novas solucións para seguir mellorando os valores do modelo urbano que, no caso de Pontevedra, teñen que ver primordialmente coa mobilidade peonil e coa accesibilidade e coa seguridade vial”.

A concelleira explicou que o uso deste de pavimento contínuo, de aglomerado en cor, ademais de usarse por primeira vez en Pontevedra tampouco é habitual no conxunto do Estado, se ben xa se utiliza con bos resultados noutras cidades europeas e dos EEUU, citando a cidade de Nova York como exemplo. Así, no plan de actuacións que o departamento de Mantemento de Espazos Urbanos ten previsto para finais de xaneiro e para o mes de febreiro, reporanse as beirarrúas de Alcalde García Filgueira de maneira integral utilizando este tipo de pavimento, neste caso en cor marrón escura, co que se prevé incrementar a accesibilidade, seguridade e durabilidade. “Falamos dun pavimento contínuo que favorece que non haxa diferencias de alturas entre lousetas, que non rompe con tanta facilidade, que é menos esvaradizo, que ten maior durabilidade e non estará reñido coa estética da contorna da rúa” explicou Eva Vilaverde.

A concelleira aproveitou a súa comparecencia tras a Comisión de Mobilidade para dar conta de todo o plan de actuacións previstas para o vindeiro mes, lembrando que o obxectivo do seu departamento “é seguir sobre o guión previsto de coidar todos os valores da cidade, garantido e coidando a atención, a eficiencia e a rapidez nos arranxos de emerxencias”. Neste sentido, asegurou que “o traballo que se realiza desde Mantemento de Espazos Urbanos é prioritario neste mandato porque entendemos que é o garante de ter en orde os valores de calidade urbana que caracterizan o modelo urbano de Pontevedra”. 

Así, no Plan de revisión de itinerarios peonís centrou as actuacións previstas en dous apartados: 

  • Intervencións en rúas nas que se detecta que a proximidade de garaxes produce desperfectos constantes nas mesmas, e que poden supor perigo para os e as viandantes: rúa Grecia (Monte Porreiro), avenida de Uruguai, e rúas Almirante Matos, Bibiano Osorio Tafall, Uxío Novoneyra, Camiño Vello de Castela, e Eduardo Pondal.
  • Arranxo de deficiencias en rúas completas incluindo o arranxo de lousetas, mobilirio e sinaléctica: avenida de Vigo, Ponte Boleira, e entorno de praza de Galicia

No plan de rehabilitación integral da capa de rodadura, inclúense as rúas Daniel de la Sota, José Malvar, Sequiña e Palamios.

Tamén está previsto que se realicen tarefas e mantemento e arranxo nas escaleiras de pedra da praza da Liberdade, desde a rúa Gagos de Mendoza, onde se recolocarán varios chanzos danados e se resolverán problemas de sumidoiros e canalización de augas. Por último, farase unha actuación sobre os alcorques máis danados comezando polos da rúa Serra e arredores, eliminando as estruturas de ferro de arredor das árbores que xa non son necesarios; e cambiaranse as arquetas en diferentes puntos do Centro Histórico, substiuíndo as existentes que están deterioradas, sobre todo polo paso de vehículos de carga e descarga e servizos, por unhas máis reforzadas e máis manexables para arranxo de incidencias. Esta actuación comezará na contorna da praza de Curros Enríquez, praza da Ferrraría, e entorno do Teatro Principal.

Obra cruzamento Daniel de la Sota con Benito Corbal 

Eva Vilaverde lembrou que na xornada de mañá mércores, se as condicións metereolóxicas o permiten, comezará a obra que convertirá o actual cruzamento das rúas Benito Corbal, Daniel de la Sota e Cobián Roffignac nunha praza circular e que tamén contempla a rehabilitación integral da capa de rodadura da rúa Daniel de la Sota.

O plan de tráfico derivado desta actuación, que xa foi notificado á veciñanza e colectivos afectados, supón o traslado da parada de taxis de Daniel de la Sota á Praza de Barcelos (no estacionamento en batería sito fronte a rúa Vasco do Ponte); o acceso e saída de garaxes e servizos da rúa Benito Corbal, no tramo Sagasta – Daniel de la Sota, realizarase desde a praza de Barcelos a través da rúa Vasco da Ponte; e á rúa Castelao só poderán acceder con vehículo os usuarios e usuarias de garaxes e as urxencias do Hospital.