A novela Cobiza, gañadora do I Premio Pinto e Maragota á Diversidade Sexual e de Xénero, estará nas librerías a partir de mañá

88
  • A novela de ciencia ficción, publicada pola editorial Xerais, foi escrita pola lucense María Reimóndez e o xurado destacou a altísima calidade e a revolucionaria reflexión que contén
  • Tralo éxito de participación do primeiro concurso, a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, avanza a súa vontade de convocar unha segunda edición do certame literario este ano

Cobiza, a novela gañadora do I Premio Pinto e Maragota á Diversidade Sexual e de Xénero, poderá atoparse nas librerías de Galicia a partir de mañá. Esta obra de ficción foi escrita por María Reimóndez e, á hora de outorgarlle o galardón, o xurado tivo en conta o seu valor como reflexión sobre a construción do sexo e do xénero, así como das orientacións sexuais. Tralo éxito de participación acadado na primeira convocatoria do certame (á que se presentaron un total de 24 traballos de poesía, teatro e narrativa adulta e infanto-xuvenil), a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, avanzou a súa intención de convocar unha nova edición do premio literario neste ano 2021, de novo en colaboración con Edicións Xerais.

O Premio Pinto e Maragota é o primeiro concurso literario galego que se centra no ámbito LGTBI. A gañadora, ademais de ter a oportunidade de publicar a súa novela con Xerais, recibiu tamén un premio económico de 3.000 euros. Ao recibir o galardón, Reimóndez afirmou sentirse orgullosa de ser recoñecida entre as iguais e constatou que este tipo de iniciativas supoñen unha oportunidade para reivindicar e lembrar a existencia de autoras non heterosexuais.

Yoya Blanco agradeceu a implicación de Xerais na celebración deste certame e agarda que o premio poida consolidarse no tempo, xa que “supón non só unha magnífica plataforma para os talentos literarios LGTBIQ+, senón tamén un excelente xeito de difusión pedagóxica da diversidade sexual e de xénero, algo absolutamente necesario na nosa sociedade”.

Cobiza desprende unha profunda ollada feminista e ecoloxista na reflexión sobre o futuro do planeta. A súa protagonista, Luz, habita o presente nun mundo que se divide entre os Recunchos e as Capitais, estas últimas só accesibles mediante a chamada ‘lotería da fertilidade’. Gañala implica un acceso descoñecido á opulencia. Nun futuro marcado polo cataclismo denominado a Gran Desconexión, tres seres creados de materia vexetal, pero con forma humana, son capturados por un barco negreiro para chegar a un continente descoñecido. Aquí descubrirán como os seus corpos son clasificados como mulleres e modificados, vendidos, para manter as estruturas de poder dominantes.