O Concello suspende as exposicións previstas para o entroido

47

Ante a gravidade da alerta sanitaria, a Concellaría de Festas acorda suspender a exposición prevista na Ferraría e na praza do Concello, e outra nos escaparates dos comercios da cidade.

Tamén negociará coa empresa adxudicataria a rescisión do contrato de iluminación de entroido.

Ravachol, que está en pleno proceso de construción, non sairá á rúa.

A concelleira de Festas, Carme da Silva anunciou esta mañá que o Concello vén de suspender as actividades alternativas previstas para a celebración do entroido na cidade. Consistían na elaboración de dúas exposicións que recordarían a historia do entroido na cidade e honemaxearía ás persoas anónimas que gozaban desta celebración nas rúas da cidade.

Esta era a previsión coa que traballaba a Concellaría de Festas antes do Nadal, “pero a situación cambiou de forma tan importante que hoxe estamos vivindo a situación máis grave dende que se iniciou a pandemia en marzo de 2020. Estamos nuns índices de contaxio inasumibles e dramáticos”, explicaba esta mañá Carme da Silva, quen engadía que “en coherencia coa situación, tomamos a decisión de que non vai a haber actividades alternativas previstas. Non imos facer as exposicións porque se lle pedimos á poboación que se confine na casa, non queremos mandar mensaxes contraditorias e dicirlle á xente que saia á rúa”.

A Concellaría de Festas xa fixera público despois de Nadal que estaban suspendidas todas as actividades festivas propias do entroido: Ravachol, Noite Pirata, Murgas, Parodia, Desfile de entroido… ao entender que o entroido é a festa máis transgresora “e o contacto social é máis intenso”, dicía a concelleira.

A alternativa era a instalación de dúas exposicións: unha no espazo público (prazas da Ferraría e do Concello) que recordaría a historia do entroido na cidade, incluíndo as primeiras imaxes do Ravachol do ano 1985; e unha segunda exposición de persoas anónimas gozando do entroido pontevedrés apoiada nos escaparates do comercio da cidade.

Estas dúas alternativas quedaron totalmente descartadas, xunto á instalación da iluminación do entroido, unha contratación que vén de xullo deste ano. A Concellaría de Festas está en negociacións coa empresa adxudicataria para rescindir o contrato sen que sexa oneroso para o Concello.

Pero para ver reflectido o traballo das persoas que durante estas semanas estiveron traballando nesta celebración alternativa, a Concellaría trasladará a un apartado da páxina web municipal unha escolma das imaxes do entroido pontevedrés dende o seus inicios, ao igual que desvelará como pasará o loro Ravachol (neste momento en proceso de construción) o confinamento na súa casa, xa que Ravachol non vai saír á rúa.

Carme da Silva asegurou que este ano “o entroido ten que ser na casa”.