A Concellería de Benestar Social fomenta o acollemento de adolescentes con medidas xudiciais a través do programa Convive.comigo

192
  • O programa impulsado pola asociación Arela busca familias e persoas que queiran convivir temporalmente con adolescentes con dificultades aos que o xulgado lles impuxera unha sentenza

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, mantivo esta mañá unha reunión cos responsables da asociación Arela, Julio Barreiro e Eva Piñeiro, para amosar o respaldo do Concello de Pontevedra ao programa de ámbito provincial Convive.comigo. O proxecto (froito dun convenio de colaboración subscrito por Arela coa Consellería de Política Social da Xunta) está destinado a conseguir que familias e persoas cunha alta sensibilidade cara á adolescencia convivan temporalmente con adolescentes con dificultades aos que o xulgado lles impuxera en sentenza unha medida de convivencia cunha persoa ou familia.

O edil socialista anima ás familias de Pontevedra a participar nesta iniciativa, que ofrece aos rapaces “a posibilidade de desfrutar dun ambiente socializador e positivo que lles permite modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial e, polo tanto, que non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe”.

Os requisitos para formar parte deste programa son ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, ter estabilidade emocional, comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade e non buscar a satisfacción dun desexo de paternidade, entre outros. Á súa vez, valórase positivamente a formación relacionada coas ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar e ter unha predisposición a ser formad@s en diferentes temáticas como adolescencia ou formación de carácter xurídico.

Marcos Rey lembra que Arela ofrece “unha formación grupal e individual, ademais de asesoramento, acompañamento de profesionais e financiamento de 40 euros diarios durante os meses que o adolescente permaneza coa familia ou persoa”.

É posible consultar máis información sobre este programa na páxina web de Arela (www.arela.org), no teléfono da súa sede central (986 21 25 37) ou ben a través do correo electrónico convive@arela.org.