O goberno de Pontevedra insiste na “man tendida” para un acordo inmediato nas axudas a hostalería e turismo

21
  • A portavoz do Goberno municipal, Anabel Gulías pediu altura de miras para que o sistema de xestión das axudas non sexa un impedimento para chegar a acordo

A portavoz do Goberno municipal, Anabel Gulías valorou esta mañá “con satisfacción e certa esperanza” o desenvolvemento das xuntanzas que se están levando a cabo entre varias Administracións e o sector do turismo e hostalería para chegar a acordo sobre o plan de axudas ao sector. 

“O sistema de xestión destas axudas non pode ser un impedimento para lograr este acordo” asegurou Anabel Gulías, quen insistiu en “reiterar a man tendida deste Concello para lograr un acordo que é vital para o sector neste momento, que non podemos demorar máis, e temos que poñer axudas inmediatas enriba da mesa”.

A portavoz tamén indicou que “nos produce certa esperanza saber que se está chegando a un grao de consenso lóxico e que se está prestando atención á proposta que fixemos desde este goberno local”. Neste sentido, lembrou que as claves da proposta de Pontevedra se basean “na necesidade de poñernos todos de acordo e ter a suficiente altura de miras para dotar ao sector turístico e hostaleiro de axudas que só teñan dúas condicións: inmediatez e sinxeleza pero tamén a mesma porcentaxe nos orzamentos de todas as Administracións”.

Á espera de pechar os últimos flecos na xuntanza prevista para maña, insistiu en que “o Concello de Pontevedra porá a disposición todos os recursos que sexan necesarios e que  se entendan no marco desa xuntanza”.