O Observatorio PO2 constata que Pontevedra cumpre nun 99,9% as directrices da OMS en calidade do aire

87
  • Durante o ano 2019, o último exercicio analizado, non se  rexistrou ningún día en todo o ano no que a calidade do aire fose pouco saudable ou perigosa
  • En canto ao clico da auga, destaca o baixo consumo por habitante, a alta calidade da auga da billa, o 99,1% de rede separativa e o alto grao de satisfacción da poboación co servizo

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presentou esta mañá os primeiros datos do Observatorio PO2 relativos a dúas áreas de estudo: o aproveitamento dos recursos hídricos e a calidade do aire na cidade de Pontevedra. En ambos campos hai , en palabras da concelleira “resultados francamente moi positivos e moi alentadores” sobre os efectos do modelo urbano de Pontevedra tanto para a calidade de vida das persoas como para o medio ambiente.

Neste sentido, Anabel Gulías lembrou que “en liñas xerais, este Observatorio é unha ferramenta máis para avanzar na difusión no modelo urbano de Pontevedra”, ao tempo que afonda “na vontade de lanzar un chamamento ao papel que todos os concellos deben ter e da súa implicación na defensa do medio ambiente”. 

“Sempre dicimos que se pode actuar localmente para modificar globalmente a situación” insistiu, ao tempo que indicou que “antes da pandemia mundial se viña falando moito do papel que todas as institucións debían xogar neste cambio, e a propia pandemia tamén puxo de relevancia a necesidade de cambiar as cousas e en Pontevedra sabémolo ben”.

O Observatorio PO2 enmárcase no Observatorio Urbano de Pontevedra, un traballo que se realiza en colaboración coa Universidade de Vigo, concretamento co grupo de investigación G4+, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, encabezado polo profesor Pedro Figueroa. O propio Pedro Figueroa, acompañado por outro dos membros do grupo de investigación, Daniel Gallego Ortigueira, acompañaron a Anabel Gulías na presentación dos indicadores relativos á análise do ciclo da auga e da atmosfera. Estes resultados corresponden ao ano 2019, que foi o ano analizado durante o exercicio 2020.

Atmosfera

O investigador Daniel Gallego asegurou que Pontevedra, no relativo á calidade do aire, ten un grao de cumprimento coas directrices da OMS que se sitúa entre o 99,9% e o 100%.

No relativo ás medicións da calidade do aire, explicou que existen ademais outras dúas fórmulas de medición activas actualmente. Segundo as metodoloxía aplicada por Meteogalicia, Pontevedra tivo, ao longo de 2019, o 86,85% de días con calidade do aire moi boa. Mentres, que segundo o Índice de calidade do aire d da Unión Europea, Pontevedra tivo o 71,1% dos días de calidade do aire boa (que esta metodoloxía denomina ‘moderada’). En todo caso, non se rexistrou ningún día en todo o ano ningún día no que a calidade do aire fose pouco saudable ou perigosa.

En canto á contaminación acústica, Daniel Gallego salientou que de media os valores se sitúan por debaixo dos 40 decibelios e asegurou que poucos lugares de Galicia se sitúan por debaixo dese valor.

Ciclo da auga

Pedro Figueroa salientou o esforzo realizado en todos os eidos, incluídos os investimentos, para a mellora do ciclo así como a boa calidade da auga da billa de Pontevedra. Así, apréciase un incremento da poboación de Pontevedra que consume auga da billa, pasando do 36% de 2017 ao 49% en 2019. Este incremento débese, segundo explicou o profesor Pedro Figueroa, “á boa calidade da auga, que é de moi débil mineralización e moi similar á auga embotellada”.

Dos indicadores relativos á calidade e eficiencia do ciclo da auga, Pedro Figueroa tamén salientou os seguintes:

  • Capacidade de subministro de auga: os puntos de captación (encoro de Pontillón e río Lérez) non presentan ningún problema de abastecemento e só 3 días no ano 2019 se baixou do caudal mínimo do bombeo e nunca se baixou do caudal ecolóxico
  • Consumo por habitante: sitúase en 114 litros por persoa ao día, o que supón unha redución do 3,6% nos últimos tres anos e 24 litros menos que a media galega
  • Abastecemento: o 83,7% da poboación conta con acceso á rede municipal de abastecemento
  • Saneamento: a cidade conta cun 99,1% de rede serparativa e o 95,2% da poboación conta con acceso á rede municipal de sumidoiros
  • Prezos: tanto no caso do abastecemento como do saneamento, os prezos mantivéronse sen cambios nos útlimos tres anos analizados
  • Grao de satisfacción: a porcentaxe de queixas recibidas é “ínfima” (o 4,4%) e a puntuación do grao de satisfacción cos servizos relativos ao ciclo da auga sitúase en 7,3 (onde a máxima puntuación é 10)