Os sectores do lecer e a cultura e a venda de produtos delicatessen abren novos nichos de mercado a través do marketplace ‘E-Ponte.com’

33
  • O marketplace impulsado pola Concellería de Promoción Económica asesorará aos responsables dos 110 negocios habilitados para que suban os seus artigos máis demandados
  • Yoya Blanco anima aos comerciantes de Pontevedra a sumarse a unha plataforma “que está a permitir a captación dunha morea de clientes alén das fronteiras da nosa cidade”

Os cambios que se teñen producido na cultura de compra por mor da pandemia favoreceron a expansión das tendas online e, neste contexto, o marketplace ‘E-Ponte.com’, con 110 negocios habilitados para a venda, converteuse nunha importante canle de negocio para moitos empresarios locais. Segundo constata a impulsora da plataforma, a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, os cambios nos hábitos de consumo traducíronse nun aumento da demanda online “en sectores como o do lecer e a cultura, especialmente no que atinxe á adquisición de libros, xogos e cursos, e o da alimentación, con produtos moi concretos e delicatessen, froito das restricións impostas á hostalería e o conseguinte migración do consumo que antes se facía nos restaurantes ao ámbito privado, ás propias casas”.

Neste contexto de constantes limitacións de aforo nos restaurantes e cafeterías e de aumento do ‘take away’ e o ‘delivery’, a edil socialista destaca “a presencia no marketplace de establecementos de alimentación tan tradicionais como as panaderías A Devesa e Acuña” e, sobre todo, a aposta que se realizou con PonteAbastos.com, “unha páxina específica do Mercado na que se pode atopar un amplísimo abano de produtos gourmet, dende queixos e xamóns ata pans de primeira calidade ou derivados de algas”. 

Blanco constata que os comercios adicados ao entretemento e a cultura “tamén dispararon neste período o seu mercado online, con librarías como Baroja que venden moitísimo a través de Internet e centros e academias de ensino que, ao non poder celebrar presencialmente as súas aulas debido ás limitacións ou medidas de confinamento, puideron ofertar servizos como cursos no portal ‘E-Ponte.com’”. Tal e como apunta o creador do portal municipal, Miro Justo, director adxunto da firma TokApp, “a situación sanitaria disparou a adquisición online de artigos de primeira necesidade, mascarillas, toallitas ou kits antivaho para gafas, así como de roupa, zapatos, zapatillas deportivas, equipamentos e tecnoloxía”.

Justo confirma que os sectores da saúde e a beleza tamén se atopan amplamente representados no marketplace posto en marcha en outubro do ano pasado, que conta con diversos centros de estética, atención en saúde, ópticos e odontolóxicos. “Temos o caso da Óptica Pérez Arribas, por exemplo, que ten tres produtos subidos ao portal que son dos que máis se venden e que son demandados noutros puntos de España”, sinala o responsable de TokApp.

Identificar os produtos e servizos máis demandados

Tras analizar os comportamentos de consumo que se veñen dando no marketplace promovido por #PonteLovers durante estes primeiros meses de funcionamento, o creador de ‘E-Ponte.com’ ten agora o obxectivo de “asesorar aos responsables dos comercios rexistrados precisamente para que identifiquen os artigos e servizos que teñen máis demanda e suban á páxina eses produtos”. 

A concelleira Yoya Blanco anima aos donos de tódolos negocios de Pontevedra a sumarse “a unha plataforma de venda que, en pouco tempo, xa está a permitir a captación dunha morea de novos clientes alén das fronteiras da nosa cidade”. A edil do PSOE lembra que se continúan a celebrar charlas formativas online “tanto para explicar o funcionamento da páxina e sacarlle o maior rendemento posible como para ‘afinar o tiro’ cos produtos que poden ter unha maior saída”.

Blanco insta tamén á cidadanía a “optar polo comercio online sempre que sexa posible” e lembra que, ademais da páxina ‘PonteAbastos.com’, o Mercado de Abastos conta cun directorio de negocios que ofertan servizo a domicilio, polo que “é posible ter produtos delicatessen e carnes, peixes, froitas, queixos, flores ou verduras de primeira calidade de xeito sinxelo e sen saír da casa”.